O BNG pide atender as demandas da veciñanza e revitalizar o Parque Natural

Fronte o desleixo dos gobernos do PP, o BNG propón actuacións inmediatas para revitalizar o Parque

O BNG ribeirense presentou alegacións ao Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Os encargados de presentar publicamente as emendas foron os concelleiros Xosé Vázquez e Luís Pérez e o responsábel local de ecoloxismo Vicente Paz.

As alegacións realizadas responden ás históricas demandas feitas polo BNG e que pretenden mellorar un documento que chega “tarde, mal e arrastro” por tres razóns; chega tarde porque o documento debería estar aprobado pouco despois de protexerse a zona en 1992, chega mal porque o Plan de Ordenación Recursos Naturais (PORN) ao que está supeditado non está actualizado á lexislación vixente e chega arrastro porque nin tan sequera se falou coa veciñanza.

Para o concelleiro Luís Pérez, esta actuación “é a demostración práctica de que ao PP non lle interesa a natureza nin tampouco os problemas que lles provoca á veciñanza a falta deste importante documento”. Neste sentido, Pérez Barral argumenta que o BNG presentou alegacións que se poden resumir en 3 eixos fundamentais; máis investimentos para conservación da natureza, atención ás demandas veciñais e actuacións que rivitalicen a zona.

Pérez Barral acusou ao PP de esquecer as demandas veciñais e agora pretender enganar á veciñanza ao dicir a semana pasada que pediría que o PRUX atenda ao que establece o PXOM no tema urbanístico. “O señor Ruiz nunca se interesou polo Parque e demostra que ou non leu o documento porque o PRUX xa establece que se rexe polo plan xeral de ordenación municipal, por certo, desactualizado” esgrimiu o edil nacionalista.

O BNG disposto a revitalizar o Parque

O voceiro Xosé Vázquez ten claro que o Parque “debe ser un espazo de protección pero tamén de dinamización social e económica” e para conseguir este equilibrio propoñen actualizar o PORN, aumentar o número de gardas para regularizar as visitas ou implementar un plan investimentos que melloren a conservación da natureza coa eliminación de especies invasoras, con especial atención á sobrepoboación do xarabil ou do eucalipto. Paralelo a isto, o BNG propón que se inclúan partidas económicas dirixidas ás persoas que son propietarias de terreos dentro da zona protexida que promova o cultivo terras, a apicultura, a silvicultura e outro tipo de actividades compatíbeis co entorno natural e que xeren riqueza. Por último, propoñen a creación dun selo de calidade que permita comercializar os produtos que se produzan no parque natural para identificalos como produtos ecolóxicos de gran calidade.

Algunhas medidas concretas propostas polo BNG:

  • Partidas económicas dirixidas a propeitarios/as de terreos: o BNG propón que se inclúan partidas económicas dirixidas ás persoas que son propietarias de terreos dentro da zona protexida dirixidas a promover a seguir cultivando terras, promover a apicultura, silvicultura e outro tipo de actividades compatíbeis co entorno natural.
    O desleixo do PP conlevou importantes restricións ás persoas propietarias de terreos dentro do parque natural. Estas restricións e inconvenientes foron acrecentados pola parálise á hora de realizar un plan de usos e xestión que permitise seguir realizando certas tarefas que fosen compatíbeis coa conservación do medio natural, é hora de reverter a situación.

  • Creación dun selo de calidade: que permita comercializar os produtos que se produzan no parque natural para identificalos como produtos ecolóxicos de gran calidade.

  • Aumento do cadro de persoal: demandamos a ampliación do número de gardas de maneira suficiente para salvagardar a conservación e evitar os incumprimentos e ataques que poida recibir o Parque. O PRUX que proposto non inclúe mecanismos que permitan levar un control sobre o número de visitantes que anualmente recibe o entorno protexido.

  • Melloras de sinalización: O BNG propón aumentar a sinalización que diversifique os fluxos de visitantes que se concentran en dous puntos, O Vilar e as dunas (85% das chegadas). Propoñemos sinalar a Casa da Costa e o CIELGA para que estas instalacións acollan unha maior porcentaxe das chegadas co fin de contribuír á desconxestión das zonas máis saturadas e promover a educación ambiental.

  • Prohibición das actividades mineiras: non é lóxico que exista unha explotación mineira dentro do propio parque natural, pois supón unha contradición co sentido dun parque natural que é preservar todos os elementos naturais dunha zona de alto valor ecolóxico. Propoñemos a prohibición da actividade mineira na zona que está dentro do parque natural e que se proceda á súa restauración.

  • Actualizar o PORN: o BNG propón adaptar o Plan de  Ordenación dos Recursos Naturais PORN conforme ao elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela no que se contempla ampliar a área
    protexida conforme ao espazo da Rede Natura 2000 o que permitiría salvagardar os valores
    naturais de toda a zona que rodea o parque natural e protexería da presión urbanística o entorno o propio parque. Unha vez realizada esta acción sería hora de aprobar un PRUX.

  • Programa financeiro: no BNG cremos que existe un déficit histórico de financiamento que debe ser compensado con carácter urxente para paliar a situación de total abandono que rexistra o Parque

  • Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *