PP e PSOE tumban o histórico festivo do martes de entroido

Resumo do pleno do mes de outubro celebrado o 5 de novembro de 2018

>> PP e PSOE liquidan o festivo histórico do martes de entroido: o punto para escoller os dous festivos locais rematou con sorpresa inesperada por mor da abstención do PSOE, malia que anunciara previamente que votaría a favor da proposta alternativa de BNG e IPR. O PP voltou actuar por libre ao presentar, de maneira unilateral e sen importarlle provocar división na veciñanza, unha proposta para designar o 24 de xullo día da Dorna e o 12 de setembro día de Santa Uxía. Como en anos anteriores o BNG, IPR e a edil non adscrita María Brión presentaron a proposta alternativa consensuada co sector comercial e hosteleiro na que se propoñía designar como festivos o 24 de xullo día da Dorna e o martes de entroido. O voceiro do Boque, Xosé Vázquez, explicou que a proposta de BNG-IPR potenciaría as tres festas porque dúas festas terían festivo e as actividades lúdicas da patroa realizaríanse na 2ª fin de semana de setembro, facilitando a asistencia da veciñanza e rendibilizando máis os cartos públicos que se gastan na súa realización. Os actos relixiosos do día da patroa serían realizados cando a Igrexa o decidise, deste xeito respectaríanse os sentimentos relixiosos e tamén miraría polo interese xeral da poboación e do sector comercial.

A proposta presentada por BNG e IPR pretendía conservar o histórico martes de entroido que se viña declarando festivo local desde 1985 debería seguir celebrándose por tradición e por ser referencia comarcal. O martes de entroido supoñía uns ingresos económicos  vitais para o comercio e hostelaría locais e tamén desde o punto de vista social é moi importante ao participar nela asociacións e centos de persoas coas murgas, disfraces, etc.

Os festivos locais designados para 2019 son 24 de xullo día da Dorna e 12 de setembro día de Santa Uxía cos votos a favor de PP e Dolores Elorduy e a abstención do PSOE e Asier Casais.
A proposta alternativa era apoiada por BNG, IPR, C’s e María Brión

>> Proposta do BNG para axilizar o remate dunha obra en Palmeira: a obra da rúa Miñoteiro en Palmeira, valorada en 78.650€, estaba paralizada e o barro acumulábase por toda a rúa, o que provocaba serias molestias na veciñanza á hora de entrar e saír das súas vivendas. A concelleira nacionalista Pilar Sampedro argumentou que “coa chegada das chuvias, o terreo convértese nunha lameira que dificulta aínda máis o paso das veciñas e dos veciños”. Sampedro Laranga explicou que “este é un exemplo máis da mala xestión do equipo do Partido Popular pois a pesar de que xa houbo queixas pola lentitude no remate desta obra, nada se fixo para rematala antes das chuvias e evitar así as molestias que se lle están ocasionando aos veciños e veciñas”.
A proposta foi aprobada por unanimidade

>> Proposta do BNG para realizar melloras en Castiñeiras: o Bloque trasladou as eivas que padece a veciñanza desde hai meses sen que sexan solucionadas por parte do goberno local. O voceiro do BNG, Xosé Antonio Vázquez Cobas, estivo en Castiñeiras e tamén no lugar de Areeiros para comprobar “in situ” as peticións veciñais. Neste sentido comentou que no paseo da praia do Castro os veciños trasladáronlle a necesidade de renovar ou mellorar o estado de conservación das xardineiras e das árbores polo seu mal estado. Por outra banda, tanto na zona de Areeiros como na de Castiñeiras, existen tramos de beirarrúa que están esnaquizados, lles nace abundante vexetación ou mesmo teñen sinais e farois no medio, o que dificulta a accesibilidade ou supoñen un risco xa que poden provocar caídas.

>> Pregunta do BNG para fiscalizar as obras da EDARo Bloque presentou unha iniciativa para preguntar como van as tarefas para arranxar os problemas detectados no funcionamento da EDAR de Ribeira, concretamente solicitamos información sobre as actuacións que superan o millón de euros. As accións vanse realizar nos colectores para mellorar o funcionamento, en concreto executar trece novas arquetas con expulsión do aire tralo seu tratamento hidráulico e control de cheiros en sifóns por valor de 400.000€ e outra actuación consistente en mellorar o sistema de aspiración e a capacidade de tratamento dos tanques de tormenta por valor de 600.000€. O BNG estará vixiante para que as obras rematen en prazo e non se recepcione a instalación se non se rematan os problemas que se lle ocasionan á veciñanza.

>> Proposta do BNG para aumentar a seguridade viaria na costa da Mámoa: a iniciativa presentada polo concelleiro Luís Pérez Barral insta ao goberno municipal a acelerar as obras de construción dunha beirarrúa na rúa alcalde Fernández Bermúdez, na costa da Mámoa, pola marxe dereita en sentido ascendente e tamén a realizar unha limpeza da vexetación.
Segundo Pérez Barral, a veciñanza da zona séntese abandonada posto que na única beirarrúa que hai, a vexetación invade todo dificultando o paso dos viandantes, e se ten que pasar alguén cun carro de crianzas ou compra ou persoas con mobilidade reducida xa tería que baixar á calzada.
Desde o BNG recordáronlle a Ruiz Rivas que existe un acordo plenario para dotar a outra marxe da estrada dunha beirarrúa pero pouco se ten avanzado. A desidia do equipo de Ruiz Rivas en construír a nova beirarrúa e a falta de limpeza da única que hai, provoca que as persoas que camiñan por esta rúa teñan que pór a súa vida en perigo creando situacións de
inseguridade viaria ao ser unha zona de curvas.

Ademais da “desidia” Pérez Barral denunciou “a incapacidade de rematar obras en tempo e forma” pois hai outra obra nun tramo da rúa alcalde Fernández Bermúdez que non está nin rematada malia custar 93.000€ e ter comezado en maio de 2017.

>> Proposta do BNG para reclamar o pazo de Meirás para o pobo galego: a concelleira Elvira Blanco defendeu que Ribeira tamén debe reclamar que o pazo de Meirás debe ser do pobo galego, pois o concello tivera que poñer forzosamente cartos públicos para pagar o expolio ao ditador Franco.
Politicamente resulta absolutamente ferinte que os bens roubados polo ditador continúen nas mans da súa familia e non tivesen pasado ao patrimonio público no final da ditadura ou mesmo que siga existindo unha fundación que faga apoloxía do fascismo e estea financiada con cartos públicos é unha anomalía democrática que non acontece en ningún outro Estado europeo.
Blanco Pérez argumentou tamén a necesidade de apoiar ao grupo de persoas, galegas e galegos demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais, da memoria… que foron denunciados pola fundación fascista Francisco Franco por realizaren unha acción pacífica e simbólica, consistente en despregar dúas faixas no pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar este patrimonio.

Malia que a proposta orixinal do BNG foi emendada, aprobouse reclamar a devolución do pazo, así como instar a que o Estado emprenda accións legais para recuperalo para o pobo galego.

>> Outros asuntos:

> Modificación ordenanzas fiscais: Conxélanse as taxas e impostos locais e rebáixase un 0,5% o imposto de vehículos de tracción mecánica, coñecido como “rodaxe”. O BNG voltou pedir a creación dun imposto ás compañías eléctricas para cobrar polos tendidos eléctricos de media e alta tensión, esta medida permitiría recadar entre 3000 e 12000€ anunais por metro lineal. Votos a favor de PP, BNG, C’s, IPR e María Brión (edil non adscrita) e abstención de PSOE e de Asier Casais e Dolores Elorduy (edís non adscritos/as)

> Caducidade expediente recuperación de oficio dun terreo público en Aguiño. A caducidade é motivada polo falecemento da persoa que ocupou ese terreo que agora se reclamará pola vía xudicial. Aprobado por unanimidade
> Paseo marítimo Castiñeiras: a Corporación Municipal aprobou por unanimidade adiar a súa construción ante a falta de consenso coa veciñanza para a súa realización. Acordouse incluílo no Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa realización no futuro.
> Aprobouse unanimemente a proposta para que o Centro de Información á Muller e os Servizos Sociais axuden nos trámites de reclamación de devoución do IRPF por prestacións de maternidade.
> Aprobado realizar actuacións de mellora na rúa Esteirón, en Palmeira Luís Pimentel en Aguiño e en Torreiro en Corrubedo.
> Instalaranse marquesiñas de bus no lugar de Campos en Carreira.

Imaxe de capa: Carmela Queijeiro. La Voz de Galicia

One Comment on “PP e PSOE tumban o histórico festivo do martes de entroido”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *