O BNG ribeirense aposta por unha residencia 100% pública

Critican a idea de Ruiz Rivas de querer regalarlle a unha empresa Hesta Kurva para facer unha residencia privada”

O BNG está comprometido co sistema público de benestar e quéremolo deixar patente co traballo que realizaremos para aumentar as prazas de residencias públicas tendo en conta o elevado déficit que existe na actualidade por mor do desleixo do goberno de Núñez Feijóo.

Lembramos como o Consello da Xunta anunciaba, en febreiro de 2017, a construción de sete residencias nas grandes cidades esquecéndose do rural pero 19 meses despois “non hai nin un contrato asinado, nin un ladrillo posto. Ribeira pode cederlle Hesta Kurva para que se faga unha residencia pública” segundo argumentou Xosé Vázquez Cobas.

O grupo nacionalista criticou a “incompetencia do PP” ante un problema de tanta transcendencia social “que non se soluciona con propaganda en forma de anuncios tras o consello da Xunta que se quedan nun titular pero sen que haxa nada detrás”. Agora vemos que a conselleira de Política Social chega a Ribeira para facer propaganda nunha residencia privada.

Para o BNG estas infraestruturas deben ser consideradas un servizo social básico, tendo en conta ademais que Galiza está por debaixo da media. De feito, a OMS recomenda 5 prazas por cada cen maiores e Galiza só conta conta con 3,1 por cada 100 maiores, un déficit de prazas que ronda o 40%. Igualmente, un recente informe do Consello de Contas denunciaba que para acceder a unha residencia as persoas maiores deben esperar dous anos, cando a lei marca nove meses. “Estamos ante un Goberno incompetente e incapaz, que non ten proxectos nin capacidade de xestión”.

Desde o BNG criticamos a incapacidade na xestión e a continua improvisación de Ruiz Rivas para o edificio de Hesta Kurva, pois propuxo tres usos diferentes sen materializar ningún. Cobas concluíu “o goberno de Ruiz Rivas está esgotado e falto de ideas, o Bloque opoñerase a que se lle regale ao sector privado Hesta Kurva que valeu 100.000€ públicos para convertelo nunha residencia privada. Nós apostamos por unha residencia pública 100% e así o trasladaremos ao Concello de Ribeira e ao Parlamento Galego”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *