O BNG denuncia o abandono dos centros sociais das parroquias

Vázquez Cobas: “o alcalde debería ter vergoña ao ver este centro abandonado e esnaquizado”

A obra do centro social de Carreira foi realizada polos obradoiros de emprego Vionta, Tahúme e Noro. Cando remataron estes obradoiros, o goberno cambiou a orientación da nova escola-taller provocando a paralización total dos traballos e ficando a obra a medio realizar. Malia que no pleno extraordinario do mes de xullo de 2016 aprobábase un investimento de 266.377€ para rematar as instalacións así como a urbanización exterior do centro, a inoperatividade do goberno é absoluta. A día de hoxe o remate segue sen executarse a cargo desa partida do orzamento e a instalación continúa deteriorándose.

Para o BNG o centro social de Carreira é o símbolo da inoperatividade e da mala xestión do señor Ruiz Rivas con respecto aos investimentos que teñen que ver coas parroquias, especialmente aqueles destinados a mellorar a vida cultural e social das veciñas e veciños.
Ante o centro social de Carreira, o voceiro do Bloque, Xosé Vázquez Cobas, denunciou o completo abandono das parroquias, facendo fincapé na grave situación que padecen os centros sociais.

Vázquez Cobas explicou que o centro social de Corrubedo precisa dunha mellora integral, actuación moi demandada pola veciñanza e que foi defendida polo BNG a través de varias iniciativas.
Con respecto á parroquia de Castiñeiras nada se sabe dos investimentos necesarios para dotar dun verdadeiro centro social esta parroquia e tampouco ten horizonte de remate o propio centro social de Carreira.

O voceiro nacionalista rematou afirmando que “para o señor Ruiz o único que parece existir é o Malecón”, polo que afirmou que “o compromiso do BNG é con todos os veciños e veciñas e todos merecen igual atención”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *