O BNG insta ao Concello a promocionar o galego no ámbito deportivo

O Concello de Ribeira a través da Concellería de Deportes organiza o vindeiro sábado 29 de setembro a XXI edición da Carreira Popular de Santa Uxíaque formará parte do VI Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, así como do III Circuíto de Carreiras Populares da Mancomunidade de Concellos de Arousa Norte.

A páxina web na que as persoas que desexen participar se inscriben ten como único idioma o castelán, impedindo exercer un dereito fundamental que é que as persoas que desexen ollar a información sobre a carreira ou inscribirse en galego poidan facelo.

O concelleiro Luís Pérez Barral, lembra que a imposibilidade de termos unha opción de galego na web contraviría a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, concretamente o artigo 2 recolle que “os poderes públicos de Galicia garantizarán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma”. Do mesmo xeito o artigo 25 da devandita lei estipula que “o Goberno Galego e as Corporacións Locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras [...]”.

Pérez Barral tampouco deixou pasar a ocasión para lembrar o caso da deturpación do topónimo e declarou que “o goberno local xa ten coñecemento suficiente de que se está a incumprir o artigo 10 e varios decretos polos que se establece que a única forma legal, oficial e válida e Ribeira e non Riveira a raíz de numerosas inciativas do BNG.

Por último, desde o Bloque, instan a que o Concello de Ribeira, realice accións de promoción do uso do galego neste eido, gañando ámbitos de uso e maior visibilización para a lingua galega no deporte.

O BNG solicitará ademais que o Concello de Ribeira vixíe o cumprimento da Lei de normalización lingüística e salvagardar os dereitos da veciñanza cando teña que inscribirse, ver información e outros datos de interese sobre eventos deportivos ou culturais en web’s que non municipais para que sempre teñan opción de lingua galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *