O BNG solicita información pola baixa presión da auga

Veciños e veciñas das rúas Clara Campoamor e avenida da Coruña en Ribeira ou Celeiráns en Aguiño téñenlle trasladado ao BNG o seu malestar pola baixa presión no servizo de traída de auga durante días.

Para os nacionalistas, o goberno do Concello de Ribeira debería vixiar a calidade dos servizos que lles presta á veciñanza, para evitar as molestias como as ocasionadas ás persoas que viven nestas zonas. Segundo relataron os veciños e veciñas, a presión da auga é tan baixa que apenas dá para poder ducharse e mesmo hai caldeiras que non entran en funcionamento.

Para o edil Luís Pérez Barral, este é un servizo “fundamental” e polo tanto debe ter un correcto funcionamento en todo momento, agás casos puntuais comprensíbeis como avarías ou rompeduras de tubaxes. Pérez Barral declarou que instarán ao goberno a poñerse as pilas no que a calidade dos servizos se refire, para que se coide a súa prestación xa que hai moitas queixas. Neste sentido para o BNGo goberno de Ruiz Rivas está descoidando os servizos fundamentais, como son o de limpeza e recollida de lixo, mantemento, a rede de sumidoiros ou o da traída de auga pois as queixas son constantes.

Ante esta situación o BNG inquirirá ao goberno local a información necesaria para saber os motivos que están a ocasionar problemas de presión no servizo de traída da auga e traballará para que os servizos e equipamentos se manteñan en perfecto estado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *