O BNG reafirma o seu compromiso coas vítimas e coa memoria histórica

No acto organizado polo BNG en Ribeira para conmemorar o Día da Galiza Mártir, o Bloque reafirmou o seu compromiso con todas as vítimas do franquismo e manter viva a súa memoria e restitución, por xustiza e dignidade e porque dende o BNG, “negámonos a esquecer a barbarie que significou o franquismo”.

O acto principiou coa palabra de María Barral, membro do Consello Local, que fixo unha lembranza a todas as mulleres represaliadas, asasinadas e torturadas pois son “as grandes esquecidas que deben ser homenaxeadas e lembradas”, na rúa Alexandre Bóveda.

Xa na rúa Manuel Lustres Rivas, tomou a palabra o integrante da comisión da memoria histórica, Xan Hermida que explicou o logro acadado pola CRMHB para construír o monumento ás vítimas no Confurco (Lousame) e da importancia de abrir ese tempo no que parece que se poden facer cousas en materia de memoria ao non estar o PP no goberno. Por outra banda, tamén lembrou o traballo que fixo o BNG no Parlamento Galego nesta materia xa que presentou unha lei galega de memoria histórica “que debería aprobarse” para reparar as vítimas.

O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas reiterou que “esquecer” é converterse en cómplices do terror, do atraso e da dor e, “non podemos, nin queremos esquecer a  Alexandre Bóveda, que foi e será sempre un mestre para todas e todos nós e  vive en todas as  persoas que seguimos erguendo a bandeira de Galiza como nación e sabemos que o nacionalismo é a chave para construír un país no que podamos  traballar e vivir con dignidade”.

Tampouco esqueceu o voceiro do BNG os membros do Comité Municipal de Ribeira en defensa da República; Manuel Fernández Sendón (médico), Eugenio Rodríguez Bilbao (barbeiro), Julio Silva Vilas (condutor), José Sieira González (mariñeiro), así como os asasinados o xornalista Manuel Lustres Rivas e o xastre Manuel García Hermo.

“Co acto de hoxe, o BNG renova o seu compromiso coas vítimas e con todas as persoas que loitaron pola democracia e a liberdade. Estarán sempre na nosa memoria e reivindicamos a importancia da memoria porque sen ela, non sería posíbel subsanar o silencio e o esquecemento imposto polo fascismo. Verdade, xustiza e reparación” apuntou Cobas.

O acto finalizou co himno galego tocado polo gaiteiro Domingos e a gaiteira Vanesa Casais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *