Ruiz Rivas prohibe o acceso a garaxes do centro urbano

O BNG propón que se busque unha alternativa gratuíta para compatibilizar a feira e o acceso a vehículos

Veciños e veciñas das rúas Alcalá Galiano, Campo de Marte ou Rosalía de Castro puxéronse en contacto co BNG para expresarlle o seu malestar ante as restricións de acceso por mor da celebración da Feira artesanal e mariñeira Artemar. Desde o BNG entenden que a celebración de feiras e eventos na vila pode ocasionar algúns pequenos trastornos, mais no caso que de Artemar as restricións van alongarse durante tres días e durante un horario moi amplo.

O concelleiro Luís Pérez Barral esgrimiu que “o goberno do PP vai prohibirlle á xente entrar no seu garaxe durante dez horas e media ao día” desde as 11:00h a 15:00h e de 18:00h até as 00:30h durante os días 16, 17, 18 e 19. Para o BNG esta prohibición ocasionará importantes molestias para as persoas residentes na zona centro da vila.
Os nacionalistas consideran que estas prohibicións son produto dunha mala xestión e planificación dos eventos que se realizan e que o único que ocasionan é malestar e un maior caos circulatorio.

O BNG propón ofrecer alternativas gratuítas

Pérez Barral informou que desde o BNG apóstase pola celebración de eventos na rúa como é Artemar pero que se debe organizar para que garaxes e festas non interfiran. Neste sentido, o BNG xa rexistrou unha iniciativa na que, por unha banda se insta ao executivo local a mellorar a planificación dos eventos e, por outra banda, se propón que se habiliten alternativas gratuítas para que as veciñas e veciños deixen os vehículos se as restricións e prohibicións para entrar nos garaxes son prolongadas como é este caso. Esta medida contribuiría a mellorar a realización das feiras e tamén a non ocasionar molestias innecesarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *