O BNG exixe destitución de Esther Patiño, como concelleira de servizos sociais

Os nacionalistas xa pediran a súa dimisión en marzo por unhas declaracións machistas

A concelleira de servizos sociais, promoción social e igualdade do Concello de Ribeira, Esther Patiño fixo unhas declaracións públicas que para o BNG son inadmisíbeis por parte da responsábel de facer políticas que favorezan a plena inclusión social.

A concelleira responsábel de igualdade de Ribeira xa declarara en marzo o seguinte: “Feliz día de la mujer, pedir pacificamente salarios igualitarios para trabajos equitativos y que se termine el maltrato tanto machista como feminista. Igualdad”.

No día de hoxe a concelleira fixo, ante unha queixa veciñal pola falta de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida na rúa Romero Ortiz de Ribeira, a seguinte declaración:os das cadeiras de rodas sóbralle por onde ir, sen ter que ir por esa rúa”.

Estas declaracións son impropias e intolerábeis e o BNG quere expresar as seguintes consideracións:

  1. Dende o BNG consideramos que o comentario publicado pola concelleira de igualdade demostra unha evidente falta de empatía cara ás persoas que teñen dificultades de mobilidade. Entendemos que a concelleira responsábel das políticas de inclusión social de Ribeira non debe permanecer no seu cargo nin un só minuto máis despois desta falta de respecto cara todas as persoas que teñen problemas de mobilidade.

  2. Para o Bloque Nacionalista Galego a accesbilidade é un tema fundamental e que debería ser unha prioridade nas políticas que se levan adiante. Entendemos tamén que os representantes públicos deben ser o exemplo e espello no que se poida mirar a cidadania. É intolerábel este tipo de declaracións discriminatorias por parte da concelleira de servizos sociais, máxime cando non é a primeira vez que amosa o que realmente pensa.

  3. Entendemos que Esther Patiño como concelleira responsábel de servizos sociais debe ser destituída de xeito inmediato. Desde o BNG denunciamos como a señora Patiño non rectificara as declaracións machistas feitas en marzo e as realizadas agora atentan contra a dignidade e dereitos das persoas con mobilidade reducida. Cremos que declaracións e ideas como as vertidas non teñen cabida nas institucións públicas e son intolerábeis, sobre todo de persoas que teñen un posto de representatividade pública.

  4. Por último, o BNG como organización política comprometida coa accesibilidade universal, traballa para rematar coas discriminacións que padece este colectivo pois teñen os mesmos dereitos que calquera outra persoa. Reiteramos o noso apoio ás asociacións e colectivos que traballan pola inclusión e plena accesibilidade e as súas reivindicacións.

  5. Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *