O BNG pide unha reunión no Concello para tratar o caos circulatorio e a falta de estacionamentos

O BNG acaba de rexistrar unha iniciativa no Concello de Ribeira, coa que pretende que se convoque a mesa de peonalización e poder así, analizar os problemas graves que presenta o tráfico de Ribeira ou a falta de estacionamentos. Desde o Bloque vemos que a circulación de Ribeira está sendo un auténtico caos mentres o goberno de Ruiz Rivas está desaparecido.

O concelleiro Luís Pérez Barral, acusou ao Partido Popular de non tomar cartas no asunto para regular a situación que se está vivindo no centro urbano, no que máis aló das celebracións, está rexistrando continuos atascos.

Pérez Barral acusou ao goberno de “estar desaparecido ante o caos circulatorio que eles mesmos provocaron por non planificar as obras”. Para o BNG non é lóxico que se comezase coa obra do Malecón sen ter posto en marcha un plan de transporte público “polo cal a xente segue agardando” ou ter iniciada a remunicipalización do aparcadoiro do Centenario como o BNG ten reiterado. Neste sentido, Pérez Barral criticou que “o señor Ruiz é amigo de prometer á lixeira cousas que logo non vai facer, o que provoca un maior malestar na poboación”.

Alén dos problemas co tráfico, o BNG detecta eivas no referente ao estacionamento xa que hai poucas prazas e as “leira-párking” habilitadas están sen sinalizar con vexetación sen rozar, sen vixilancia, sen iluminación e cun firme deteriorado a pesar da iniaciativa presentada polo Bloque para melloralos.

Por todos estes problemas e ante a pasividade do goberno local de realizar accións que melloren a circulación, o BNG toma a inciativa e pide convocar a Mesa de peonalización onde están representados múltiples colectivos para poder abordar estes asuntos.

Pérez Barral dixo “que o BNG leva tempo propoñendo alternativas e imos realizar algunha máis nesa xuntanza, pois ao goberno de Ruiz fáltalle proxecto e inciativa para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Ribeira”.

Atasco Ribeira. Imaxe arquivo: Fran Brea La Voz de Galicia

One Comment on “O BNG pide unha reunión no Concello para tratar o caos circulatorio e a falta de estacionamentos”

  1. De paso se lle podía recordar ó alcalde ou concelleiro encargado do tema, que na rúa Galicia, á altura de Joypa, hai un STOP que ninguén lle fai caso, poñendo en perigo ós que baixan pola Barreira.
    E tamén a ver cando lle van a dar a volta ós semáforos da rúa Mariño de Rivera, xusto enfrente dos taller Os Amigos, que están ó revés, complicándolle a vida ós que baixan do aparcamento do Centenario, que se teñen que meter de cheo na Miguel Rodríguez invadindo o paso de peons para poder ver. Gracias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *