Aprobadas en pleno iniciativas para mellorar o porto e os aparcadoiros de Ribeira

No pleno do mes de xullo aprobáronse todas as iniciativas presentadas polo BNG

- Melloras no porto de Ribeira e modificación da lei de Portos de Galiza: o pleno da Corporación Municipal de Ribeira aprobou dúas iniciativas para exixir que Portos de Galiza mellore as instalacións portuarias de Ribeira. Concretamente solicitouse que se amplíe o pantalán para as descargas das artes menores, a iluminación e a seguridade. A concelleira nacionalista Pilar Sampedro, defendeu a iniciativa do BNG na que tamén se aprobou demandarlle a Portos que dote ao peirao de Ribeira dunha partida orzamentaria que permita arranxar os desperfectos e eivas que presenta na actualidade ou reclamar que o ente público non lle cobre taxas ao concello nin ás entidades sen ánimo de lucro que queren facer actividades en zona portuaria pero que non teñen uso pesqueiro como por exemplo o Malecón. Por último o BNG defendeu modificar a lei para que fique excluída da prohibición a pesca deportiva con cana dentro do porto.

Aprobado por unanimidade

- Melloras en aparcadoiros municipais: o voceiro do Bloque Xosé Vázquez Cobas presentou a iniciativa para acondicionar os aparcadoiros, nomeadamente o firme, a iluminación, a seguridade e a limpeza.

Coa realización desta moción o BNG pretende acabar co mal estado no que se atopan os aparcadoiros xa que non fai falla máis que velos, para apreciar que é necesario realizar melloras como son: rozar a vexetación que hai nos aparcadoiros das Avesadas, onde tamén hai que retirar cascallos, no de Coroso e no do Monumento.

No BNG pensamos que para que os aparcadoiros sexan unha alternativa útil e axeitada para que a veciñanza poida empregalos, hai que dotalos de servizos imprescindíbeis como é o de iluminación, acondicionamento do firme eliminando as fochancas, facendo especial atención a entradas e saídas, instalar algunhas papeleiras e unha adecuada sinalización.

No referente á sinalización, aprobouse dotar o municipio dunha sinalización clara e uniforme para evitar a situación actual de letreiros aleatorios en determinadas zonas da cidade e en emprazamentos pouco visíbeis.

Ao aprobarse a moción do Bloque, o goberno comprometeuse a mellorar a sinalización, o firme, a limpeza e roza da maleza e dotalos de iluminación.

Aprobado por unanimidade

- Rematar a inacaba obra da rúa de Lugo: na rúa de Lugo hai unha parcela na que se comezou a construír un edificio que desde hai anos está paralizado. O edifico sen rematar é un perigo para veciños e veciñas, non só pola lamentábel situación na que se atopa a obra e o seu peche exterior, senón polo deterioro que ten causado nas beirarrúas da rúa de Lugo e da rúa Correos.

Por estes motivos, o voceiro nacionalista levou a pleno a situación de deterioro das beirarrúas e a gravidade do buraco que hai nunha beirarrúa provocando unha situación de perigo para as persoas. A iniciativa do BNG apunta que hai unha grande preocupación e inseguridade polo risco que existe a que haxa un derrubamento.

A preocupación da veciñanza e das persoas que frecuentan a zona aumenta pois alén da inseguridade estase a converter nun foco insalubre que acumula maleza, lixo e cascallos en pleno centro da cidade.

Ante esta situación aprobouse a proposta de iniciar, sen demora, por parte do departamento de urbanismo e o secretario municipal unha investigación para procurar o remate da obra ou, cando menos, o seu acondicionamento para que non supoña un perigo nin un foco de lixo e insalubridade.

Aprobada por unanimidade

- Apoio ás reivindicacións do colectivo LGTBI: a moción do BNG defendida polo concelleiro Luís Pérez Barral procuraba que Ribeira fose un concello no que visibilizara máis o día do orgullo LGTBI e difundise unhas políticas que promovan a tolerancia e respecto cara ás persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais.

Neste sentido aprobouse o acordo para que o Concello de Ribeira visibilice o seu apoio polos dereitos e liberades afectivo sexuais e de xénero facendo un bando e colgando a bandeira LGTBI na praza do concello cada 28 de xuño. Tamén se aprobou a realización dun plan de acción nos centros de ensino para promover a tolerancia e o respecto así como para loitar contra a LGTBIfobia e outro tipo de discriminacións. Por último tamén se instará á Xunta a dar cumprimento cos preceptos que se contemplan na Lei galega pola igualdade de trato e non discriminación

Aprobada por unanimidade

- Outros asuntos:
- Saneamento con pozos de bombeo en Campelos (Olveira) mediante o Plan de Cooperación da Deputación da Coruña. Esta obra está valorada en 216.000€. Aprobado por unanimidade

- Inicio dos trámites para a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para recualificar unha área industrial urbarno no centro de Aguiño por chan residencial urbano. Tamén se modificará un punto do PXOM para evitar a especulación urbanística baixo o pretexto da construción urbana colectiva. Aprobado por unanimidade

- Modificación da ordenanza de venda ambulante para incorporar o lugar e horario do mercado semanal de Aguiño aos dous xa existentes, Palmeira e Ribeira. Aprobado por unanimidade

- Pregunta do BNG presentada pola edil Elvira Blanco Pérez sobre o custe do “Ribeira Beer Fest” para saber o custe pola realización deste evento. O goberno local informou que se pagou a ocupación de vía pública.

- Melloras na rede de saneamento rúa do Toxo

- Actuacións de limpeza e roza de herba en diversas zonas de Ribeira, Aguiño e Castiñeiras así como dar cumprimento co estipulado na lexislación para manter as franxas de protección forestal limpas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *