O BNG denuncia que o goberno de Ruiz lle faga competencia desleal á hostalaría ribeirense

O BNG escoitou o sector hostaleiro e rexeita a política errática do PP

O sector hostaleiro de Ribeira está moi alporizado pola celebración do “Riveira Beer Fest” que se celebra no Malecón ribeirense entre o 13 e o 15 de xullo. Numerosos veciños e veciñas que rexentan locais hosteleiros dirixíronse ao BNG nos últimos días, con motivo da celebración deste evento, para expresar o seu malestar pola realización desta actividade que lles vai prexudicar nunhas datas que adoitan ser boas para os seus ingresos.

O BNG entende que o goberno de Ruiz está a facerlle unha competencia desleal aos locais de restauración e hostelería que xeran emprego local, pagan os seus impostos todo o ano no municipio e que nos meses de verán poden facer algo de facturación.

Por outra banda, temos que lamentar que a instalación deste evento tamén lle faga competencia ás festas parroquiais de Aguiño e que, de se realizar, o BNG aposta por facelo noutras datas e noutra localización co fin de dinamizar outras zonas e barrios da localidade.

Para o BNG este é un evento aleatorio máis, que evidencia como o goberno do Partido Popular non ten proxecto para o municipio e goberna a golpe de improvisación, pois non coordina as actividades para evitar que se solapen e realízaas sen pensar no posíbel impacto económico e social que poden ocasionar.

O BNG considera que desde o Concello de Ribeira se deben promover accións que teñan como fin axudar e dinamizar o comercio e a hostalaría locais, non a prexudicalas. Neste sentido, a concelleira Elvira Blanco realizará unha iniciativa para que o goberno local dea explicacións do custe real para as arcas municipais da realización deste evento ao que se lle sufraga con cartos públicos o reforzo da seguriade, limpeza, o enganche á electricidade e á auga de 14 postos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *