O Valedor do Pobo dá 30 días para que o goberno de Ribeira deixe de incumprir a lexislación

A institución dálle a razón á queixa presentada polo BNG en relación ao incumprimento das leis e exixe que o goberno de Ruiz Rivas as acate

En abril deste ano, o BNG rexistraba unha queixa ante a institución do Valedor do Pobo polo incumprimento da lexislación en materia de lingua e toponimia por parte do goberno ribeirense. O detonante foi a instalación de dous letreiros co topónimo deturpado en cadansúa rotonda, cun malgasto de cartos públicos de máis de 3.300€, aos que lle hai que sumar meses de traballo da brigada municipal.

A queixa presentada polo concelleiro nacionalista Luís Pérez Barral, foi tramitada ante a institución que acaba de apoiar as razóns do BNG nun informe remitido a pasada semana. No devandito informe reitera, tal e como xa denunciara o BNG nunha sesión plenaria realizada en maio, os incumprimentos lexislativos que despreza o goberno de Ruiz Rivas como son; Lei de normalización lingüística, Decreto da Comisión de Toponimia, Decreto de recuperación da toponimia e o Decreto do nomenclátor de entidades da provincia da Coruña.

O informe bota por terra as desculpas do PP

Por outra banda, o Valedor do Pobo tamén desbota os argumentos de quen se opón ao cumprimento da lexislación constatando que acordo plenario adoptado o 17 de febreiro de 1984 é ilegal, pois “incumpre o preceptuado na Lei de normalización lingüística”.

No informe apúntase tamén a que “non se atopa base normativa para xustificar o encargo do goberno local de Ribeira, para realizar un estudo particular, sen especificar sequera a quen se lle encomendaría, cuxo resultado fose acatado de xeito irrevogable. A primeira obriga do Concello é acatar a lexislación vixente, que establece unha grafía específica b sobre a base do estudo científico e dun criterio técnico”.

Estas dúas cuestións xa foran esgrimidas polo BNG para defender unha iniciativa que se presentara no Concello para tentar rematar coa insubimisión do goberno do PP sen que fosen tidas en consideración. Desde o Bloque agardan a que agora si as tomen por boas, xa que cando as dicía o BNG parece ser que non valían.

Un mes para acatar a lexislación, senón o BNG estudará medidas

No documento remitido ao Concello de Ribeira, o Valedor do Pobo dá de prazo un mes para que o alcalde e o goberno local rematen coa insubmisión e “se dea exacto cumprimento ao disposto na lexislación [...] de utilizar nese Concello a forma oficial do topónimo, en todas as súas actuacións”.

O BNG estará vixiante para que se cumpran os prazos establecidos pola institución galega e, no caso de que o goberno do PP decida seguir vulnerando as leis, estudará tomar outro tipo de medidas máis contudentes. Desde o BNG avisan que non lles vai tremer o pulso para rematar cun capricho persoal que promove a ignorancia e a división social da veciñanza ribeirense.

Pérez Barral concluíu congratulándose de que o valedor lle dea a razón, “pois demostra que no BNG facemos un traballo serio, rigoroso e con argumentos fronte quen bota man de desculpas insostíbeis para seguir desprezando o galego e a toponimia galega”.

Documento completo: Informe do Valedor do Pobo sobre o incumprimento das leis e deturpación do topónimo
Queixa presentada polo BNG: Iniciativa do BNG sobre a vulneración das leis, gasto de cartos públicos e  deturpación da toponimia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *