PP, IPR e C’s impiden falar no pleno sobre a reforma do Malecón imposibilitando chegar a consensos

IPR e C’s sumaron os seus votos aos do PP para impedir que a proposta do BNG de consensuar a obra do Malecón até a avenida das Carolinas se debatese no pleno

- Remodelación do Malecón: PP, IPR e C’s impiden falar no pleno sobre a reforma: IPR e C’s sumaron os seus votos aos do PP para impedir que a proposta do BNG de consensuar a obra do Malecón se debatese no pleno

O BNG presentou no pleno de xuño unha moción de urxencia para falar sobre a polémica remodelación do Malecón ribeirense que está provocando controversia e un malestar crecente nas veciñas e veciños do municipio.

A proposta, lamentabelmente non puido ser debatida porque PP, IPR e C’s votaron en contra da urxencia e negáronse a tan sequera, dialogar e debater. A proposta si contou co apoio de BNG, PSOE e 3 edís non adscritas/os.

Para o voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas “é inaudito que a macro-reforma por valor de 1,4 millóns de euros non se levase a pleno, mais tamén é grave que tres grupos políticos se unan para impedir un debate, independentemente de que apoiasen ou non a proposta”.

O BNG denuncia que o mínimo que se debe facer é contrastar as ideas, debater e intentar consensuar os proxectos sempre que sexa posíbel, mais é lamentábel que se vote en contra de abrir un diálogo co que chegar a un consenso sobre a reforma da fachada marítima da cidade.

Que pedía o BNG? Paralizar para consensuar

O BNG pedía paralizar a reforma do Malecón para abrir un debate social sobre e intentar acadar un conseso sobre a segunda fase da reforma coa veciñanza, partidos políticos, sector empresarial e comercial.
Desde o BNG temos serias reservas sobre como se está levando adiante a reforma do Malecón, pois cremos que “se está facendo a casa polo tellado” e faltan zonas verdes.
A súa argumentación estivo sostida por tres piares nos que o BNG leva traballando durante anos; plan de transporte público, aparacdoiros e circunvalación. Infraestruturas que é necesario ter listas antes desta obra. 

Con respecto ao primeiro, dixo que goberno debería ter posto en marcha un plan de transporte público (RiberBUS) que permitise mellorar a conexión coas parroquias e reducir o número de coches que entran no centro urbano.
Con respecto aos estacionamentos, fixo fincapé en dúas alterantivas; remunicipalizar o aparcadoiro do Centenario para poñelo a tarifas reducidas e por outra banda, habilitar aparcadoiros gratuítos dignos, con bo firme, iluminación e seguridade.
Finalmente Cobas fixo fincapé na dotación dunha circunvalación que desconxestionase o principal acceso viario. “Non sabemos máis que unha promesa electoral que non se converte en realidade”.

No BNG concluíron: é un erro grave coartar un debate sobre unha obra que vai cambiar a fisionomía de Ribeira e que afecta a tantas persoas, sen dúbida quen perde son as veciñas e veciños de Ribeira que non poderán ser escoitados.

- Senda peonil para unir o paseo de Castiñeiras coa zona verde do Castro: o BNG presentou unha pregunta para obrigar ao goberno a dar explicacións polos contínuos retrasos na construción do acceso peonil desde o paseo marítimo de Castiñeiras á área verde e pistas deportivas do Castro. Cómpre lembrar que a demanda veciñal xa fora levada a pleno polo BNG en maio de 2017.

Segundo se informou, o Concello de Ribeira vai adxudicar a realización da obra esta mesma semana a unha empresa no canto da brigada municipal, tal e como se dixera en 2017. Agardemos pois, que poida ser unha realidade ao longo do verán deste ano, pois a veciñanza de Castiñeiras precisa deste acceso para poder chegar dunha maneira segura ao Castro.

- Mellora e aumento de zonas verdes: o BNG presentou unha iniciativa relativa ao coidado das zonas verdes debido a que o goberno do Ruiz Rivas ten unha total falta de sensibilidade sobre a importancia de aumentar e ter en bo estado as áreas verdes do municipio.
Desde o BNG destacouse que é habitual que no Concello de Ribeira cando chegan as épocas de poda das ábores, o goberno local opta por cortas moi agresivas que eliminan a sombra e deixan a árbore en moi mal estado.

Para o concelleiro Luís Pérez Barral ás áreas verdes e vexetación do concello pásalle o mesmo que os parques e outros equipamentos públicos “están completamente abandonados sen que se realicen tarefas de mantemento e coidado”.
Pérez Barral exemplificou que as podas agresivas realizáronse, cando menos no paseo marítimo do Touro, praza do concello praza de Teruel ou no paseo de Coroso. Este último emprazamento, serviulle ao BNG tamén para exemplificar o esquecemento do goberno local da vexetación posto que hai ocos no chan sen árbores cando xa estamos en época de calor e a sombra faise máis necesaria que nunca.

Para o BNG é urxente repoñer o arborado que falta neses ocos e tamén procurar facer algúns máis e procurar zonas onde plantar árbores dun porte medio ou grande que proporcionen sombra. Hai que lembrar que a plantación de árbores contribuiría a reducir a contaminación atmosférica e mellorar a imaxe do paseo marítimo e doutras zonas da vila.

- Outros asuntos:

- Cesión gratuíta do edificio da UAD para o Concello de Ribeira: está previsto pedir unha subvención para arranxar o edificio e destinar parte para a UAD e outra parte para usos culturais. Aprobado por unanimidade

- Cesión do local municipal da lonxa vella para a Confraría da Dorna. Aprobado por unanimidade

- Regulamento de segunda actividade para persoal público: este regulamento permitirá que en caso de insuficiencia psicofísica para desempeñar o seu traballo, poderá ser reasignado a outro posto. Aprobado por unanimidade

- Adhesión á central de compra da Federación de Municipios e Provincias: con este acordo poderá abaratarse o custo dalgúns subministros para o Concello de Ribeira. Aprobado por unanimidade

- Prórroga do contrato asinado con Ana Naya García SL para a xestión da escola infantil municipal de Ribeira. Aprobado cos votos a favor de PP, PSOE, C’s e 2 edís non adscritas e coas abstencións de BNG, IPR e 1 edil non adscrita

- Modificación ordenanza prezos públicos culturais: ordenanza pola que se cobran os servizos da Coral Polifónica Municipal (1.015€), Grupo Municipal de Teatro (1.218€), asistencia á Escola Municipal de Ballet (136€), Escola Municipal de Teatro (matrícula 127€ ou 85€ para membros do grupo municipal de Teatro). Aprobado por unanimidade

- Aprobación convenio entre Ribeira e Porto do Son para solicitar un obradoiro de emprego. Aprobado por unanimidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *