O BNG pide paralizar a reforma do Malecón

O Bloque quere que se consensúe esta obra coa poboación e se realicen as infraestruturas previas necesarias; estacionamentos e transporte público.

A remodelación do Malecón de Ribeira está provocando moita controversia e un malestar crecente nas veciñas e veciños do casco urbano e das parroquias do municipio. A obra foi colada polo Partido Popular no orzamento de 2017 (que o BNG non apoiou), cunha partida de máis dun millón de euros para facer unha reforma desta avenida.

A macro-reforma non foi dialogada con ninguén. Nin cos grupos que integran a Corporación Municipal, nin con comerciantes, sector empresarial, hostalaría e nin tan sequera os propios veciños e veciñas da zona afectada foron informados de nada. O goberno do PP quere levar adiante un proxecto por valor de 1.400.000€ sen contar con absolutamente ninguén acción que o BNG cualifica de ilóxica.

Para o voceiro do BNG Xosé Vázquez Cobas “o inicio das obras demostrou o que xa se temía; caos circulatorio no municipio e perda de aínda de máis prazas de estacionamento que causan trastornos para a veciñanza que se achega ao centro urbano e tamén aos profesionais de reparto”. Ademais engadíu que “o señor Ruiz, é o único causante deste profundo malestar pois o goberno que preside non se dignou nin a presentar o proxecto nin amosar como quedaría”.

En palabras do concelleiro Luís Pérez Barral, o PP volta á falta de transparencia e de diálogo. Por se fose pouco, temos que sumarlle as reformulacións do proxecto por valor de 80.000€ para un parque infantil cando outros equipamentos están esmorecendo e das que tivemos coñecemento a través dos medios de comunicación, nunha demostración máis da soberbia e de como van por libre sen contar con ninguén.

Paralizar para consensuar

O BNG quere que se paralice a reforma do Malecón e non se faga un metro máis pois aínda queda moito por facer, até a avenida das Carolinas. Para Vázquez Cobas, é unha necesidade urxente polo que presentamos unha iniciativa apoiada por unha boa parte da veciñanza, comerciantes e traballadores/as, só falta que os grupos escoiten a xente e tamén a apoien.

O BNG non está a favor da reforma do Malecón nin votou nunca a favor dela, desde o Bloque cremos que se está facendo a casa polo tellado.

Sostemos a nosa argumentación en tres piares nos que o BNG leva traballando durante anos; plan de transporte público, aparacdoiros e circunvalación. Infraestruturas que é necesario ter listas antes desta obra faraónica.

Con respecto ao primeiro, dixo que goberno debería ter posto en marcha un plan de transporte público que permitise mellorar a conexión coas parroquias e reducir o número de coches que entran no centro urbano.
Con respecto aos estacionamentos, fixo fincapé en dúas alterantivas; remunicipalizar o aparcadoiro do Centenario para poñelo a tarifas reducidas e por outra banda, habilitar aparcadoiros gratuítos dignos, con bo firme, iluminación e seguridade.
Finalmente Cobas fixo fincapé na dotación dunha circunvalación que desconxestionase o principal acceso viario. “Non sabemos máis que unha promesa electoral que non se converte en realidade”.

En conclusión, no BNG queremos que se escoite á xente, o PP está gobernando de costas a ela e fai unha macro-obra sen ter listas as infraestruturas previas necesarias, o que produce un caos e un lóxico malestar social.

Cómpre lembrar que o BNG xa solicitara maior diálogo e fixera emendas antes do inicio das obras. Consulta as emendas aquí: Emendas do BNG ao proxecto de reforma do Malecón

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *