PP e IPR aproban un orzamento feito sen contar coa xente nin cos grupos políticos

O orzamento é continuísta e carece de medidas de emprego, transporte ou participación.  Aprobouse cos 10 votos a favor de PP e IPR, 1 abstención de C’s e 10 contra de BNG, PSOE e das tres edís non adscritas/os. O voto de calidade do alcalde desempatou a votación.

O BNG votou contra os orzamentos presentados polo Partido Popular ante a falta de diálogo, os incumprimentos de acordos acadados co Bloque e a falla de transparencia que amosan as contas públicas para 2018. As contas presentadas polo señor Ruiz amosan que o PP carece dun proxecto de futuro para Ribeira e que gobernan improvisando día a día. Unha vez máis IPR sae en axuda do PP para evitar que perda a votación. Non aprobar o Orzamento obrigaría a facer unhas contas máis dialogadas, participativas e con medidas en beneficio da xente de Ribeira.

EMPREGO

O encargado de amosar a posición do BNG foi o voceiro Xosé Vázquez Cobas quen fixo un repaso pola situación de precariedade económica e laboral que padece a poboación ribeirense cun desemprego de 1.540 persoas, cando non ten que optar pola emigración forzosa ante a falla de oportunidades.

A falta de iniciativa do goberno do PP fai que Ribeira continúe carecendo da demanda histórica de chan industrial. Esta é unha mostra de como o seu goberno, señor Ruiz, non é quen de resolver problemas nin aplicar solucións simplemente porque non teñen un proxecto claro e definido para o municipio. Esta debería ser a 1ª medida dun plan de emprego do que Ribeira tamén carece pola mala xestión do PP. Non temos ningún documento que detecte carencias, problemas, fortalezas e oportunidades mentres vemos como os datos do desemprego non baixan e cando baixan é ou pola emigración dos nosos mozos e mozas ou polos contratos en precario que os gobernos do PP e PSOE favoreceron coas reformas laborais.

Mais o polígono industrial é só a punta do iceberg da súa mala xestión e inoperancia, pois tampouco vemos un apoio decido por ao noso comercio local, pois observamos que lonxe de establecer campañas de dinamización comercial fortes que permitan crear riqueza e afluencia de xente, realízanse accións illadas e sen contar con este sector.

O goberno incumpriu a súa promesa de materializar a proposta feita polo BNG de crear unha bolsa de prácticas e contratos dun ano para persoas con formación superior e contribuír a que as persoas tituladas polas universidades galegas teñan experiencia de traballo.

- TRANSPORTE E ESTACIONAMENTO

Desde o BNG levamos anos traballando para darlle prioridade ao transporte público. Parece que e proposta do BNG xunto co traballo informativo realizado, tivo unha exitosa acollida pois obrigou a que o concello se movese e comezase a traballar neste campo, pero lamentamos que o PP suprimise aspectos fundamentais do plan. No plan de transporte público do BNG que levamos defendendo un mínimo de 3 anos, contemplábase billetes a 1€, bonificacións adicionais para persoas xubiladas, desempregadas con mobilidade reducida e mocidade. Tamén se prevían os transbordos para evitar que as persoas que circulen entre dúas parroquias teñan que pagar 2 autobuses. Ata nin copiar a proposta do Bloque saben o señor Ruiz. Pois o trasbordo non se contempla no plan do PP que vai custar 120.000€ que por certo, xa debería estar en funcionamento e aínda non está. Tampouco se contempla melloras nas frecuencias nin no bono universitario. O BNG tamén solicitou unha vez máis a construción dunha estación de autobuses que permita tamén albergar a venda de billetes marítimos na tempada estival.

Por outra banda, desde o BNG apostamos por dar alternativas ao estacionamento de vehículos, neste sentido propuxemos a creación dalgún aparcadoiro disuasorio e tamén cremos que o Concello debe remunicipalizar o aparcadoiro do Centenario. Cremos que se debería remunicipalizar para poñer tarifas públicas reducidas e bonificación especial para aquelas persoas que mercan nos comercios de Ribeira, esta si sería unha aposta polo noso comercio de proximidade e tamén resolvería os problemas de estacionamento que Ribeira padece.

TURISMO E MEDIO NATURAL

O goberno de Ribeira segue sen política turística clara e definida, as accións que se fan son moi dispares e carecen de eficacia demostrada. O PP está obsesionado con intentar atraer máis visitantes no canto de facer que as persoas que xa se achegan a Ribeira merquen e consuman nos nosos establecementos. O seu equipo, señor Ruiz, está máis ocupado en culpar o sector privado das carencias que temos, que en potenciar un sector que podería crear postos de traballo cunha aposta forte polo turismo natural e desestacionalizado.

Con respecto ao medio natural, Parque Nacional das Illas Atlánticas e Parque Natural de Corrubedo, cremos desde o BNG que hai que traballar para poñelo en valor. O patrimonio natural situado no parque natural de Corrubedo está completamente abandonado. O parque leva moitos anos sen contar cos documentos reitores e de xestión que tanta falta fan para que a veciñanza poida empregar os seus terreos.
Que logros acadou o señor Torres Colomer, nos últimos anos á fronte da xunta consultiva do parque? Nada. Urxe que investimentos que se realicen no parque teñan tamén como beneficiaras ás persoas propietarias de terreos, para que vexan que o parque natural é un beneficio e non só restricción.

NIN TRANSPARENCIA, NIN PARTICIPACIÓN, NIN COMPROMISOS CUMPRIDOS

Para o BNG non existen motivos suficientes para que as contas do PP vaian adiante pois detectamos graves problemas que non van resolver. Existe, alén da mala xestión, opacidade nos investimentos, falta de participación e incumprimentos de acordos comprometidos.

En primeiro lugar denunciamos como o goberno só nos presentou un avance do orzamento no mes de maio e o documento definitivo en xuño, isto evidentemente non é darlle participación aos grupos que forman parte da Corporación Municipal. Non se mantiveron reunións previas de traballo nin se consensuaron investimentos nin prioridades, cando menos co grupo do Bloque, malia que moitas das nosas demandas veñen directamente de peticións veciñais. O BNG non tivo participación algunha neste orzamento, o PP preferiu exlcuír a 2ª forza política de Ribeira, cousa nada lóxica cando teñen 8 concelleiros nunha Corporación de 21 edís.

A incpacidade de diálogo do PP non só se reflicte no Orzamento, senón que tamén vemos como actúan de maneira unilateral noutras cuestións e poñemos un só exemplo que é ilustrativo; a reforma do Malecón. O PP foi incapaz de falar coa veciñanza, incapaz de falar cos comerciantes, e tamén incapaz de falar cos grupos da Corporación. Non se tiveron en conta as emendas do BNG e a tal punto chegou o descoñecemento que tivo que ser o Bloque quen facilitara algo de información á xente que preguntaba como ía ser esa obra mediante un acto e publicitando o proxecto na web.

Tampouco existe transparencia pois o goberno do PP, apoiado por IPR, vai ocultar o destino de 868.100€ baixo o epígrafe estudos e traballos técnicos. Esta cifra aumentou en máis dun 14% (125.000€) en dous anos. Acaso cren que podemos aprobar unhas contas das que non podemos fiscalizar unha suma tan importante de cartos públicos? Tamén quixeramos denunciar o malgasto de cartos públicos cun exemplo ilustrativo, mentres que o PP destina 6.000€ para a biblioteca (adquisición de fondos e equipamento informático), 1.000€ menos que no 2017, mentres que hai máis de 6.000€ para decorar dúas rotondas con dous olivos e dous letreiros co topónimo deturpado de Ribeira, incumprindo a lexislación.

E que dicir dos compromisos adquiridos o ano pasado co BNG? Pois malia a boa vontade do BNG, o PP preferiu traizoar os acordos aos que se comprometaran coa nosa organización política.

Onde están cumpridas as medidas propostas polo BNG en materia de emprego

Non existe plan de emprego que detecte carencias, fortalezas e oportunidades para loitar contra o desemprego, especialmente entre as mulleres onde as cifras acadan cifras alarmantes.
Bolsa de prácticas e contratos formativos de carácter anual para persoas con titulación superior e universitaria.
Aumento dos fondos destinados a este ámbito. Aposta pola dinamización comercial de Ribeira, ocupación do Mercado Municipal e fomento do emprego estábel
O chan industrial seguirá agardando… durante cantos anos máis? O alcalde dedícase a vender fume e a facer promesas que non vai poder materializar como a súa pretensión de modificar a lei que prohibe recalificar o chan de zonas queimadas. O BNG tende a man e está disposto a traballar para que Ribeira conte dunha vez con metros de chan onde poder levantar un polígono e instalar empresas.

Onde están cumpridas as medidas propostas polo BNG en materia de atención ás parroquias?

O centro social de Carreira aínda está sen rematar e acumulando desperfectos por mor dos actos bandálicos. Uns feitos reprobábeis pero que seguramente non se terían producido de estar en activo as instalacións.
O
centro social de Corrubedo aínda non ten planificada a reforma nin a construción dun pequeno auditorio.
Tampouco sabemos nada da praia comprometida para poder ir coas mascotas nin cal será o horario para poder acudir ás praias urbanas cos animais.
Tampouco podemos esquecer os problemas coa EDAR que tantos problemas lles están a causar á veciñanza. A día de hoxe eses problemas continúan pese a que prometeron telos rematados antes do verán de 2018. Por culpa da mala xestión que fixeron os responsábeis do Partido Popular, vanse ter que gastar 600.000€ de fondos públicos nun proxecto de saneamento que foi mal planificado.

Onde están cumpridas as medidas propostas polo BNG en materia de transporte público e estacionamentos?

Como dixemos antes, o PP colleu a proposta que que o BNG leva presentando durante varios anos pero eliminan aspectos fundamentais para que o transporte público sexa unha alternativa real ao vehículo privado. Referímonos a que non inclúen transbordo, bonificacións adicionais para persoas xubiladas, desempregadas con mobilidade reducida e mocidade.

No tocante ao estacionamento vemos como no canto de crear aparcadoiros en condicións están gastando os cartos públicos en alugar leiras para poñer aparcadoiros de terra. No BNG xa lle dixemos a nosa proposta, remunicipalizar o Centenario con tarifas reducidas e bonificadas para quen merque nos comercios.
Tampouco se fixeron as reordenacións viarias comprometidas como a da rúa de Lugo, Marcial del Adalid, Novoa Santos, Monumento, entre outras.

Onde están cumpridas as medidas propostas polo BNG en materia de mantemento?

Entre as peticións que o Bloque sempre fixo é a necesidade de aumentarmos a partida de mantemento pois sempre estivemos en contra da política do PP de facer cousas novas que logo non se manteñen en condicións axeitadas. Como neste apartado poderíamos botar horas, só direi que mostra do que dicimos son o desastroso estado no que se atopan parques infantís e algúns paseos marítimos.

Tamén se fai palpábel a falta de limpeza en determinadas zonas do casco urbano ou o mal coidadas que están as nosas parroquias. Todo isto non o dicimos nós, basta con escoitar á xente, iso que vostede señor Ruiz non fai.

CIFRAS DO ORZAMENTO 2018

Orzamento total: 22.874.568,55 €. 844,67€ por habitante (27.081 habitantes en aneiro. Hai uns anos rozábamos os 27.500)

INGRESOS: continuidade

Capítulo 1 : diminución duns 70.000 imposto vehículos de tracción mecánica “rodaxe” grazas a unha moción do BNG para rebaixalo, proposta que foi aprobada pola Corporación Municipal.
Capítulo 3. Taxas e prezos públicos: como o concello xa non xestiona a lonxa e hai unha conxelación de taxas deixan de ingresarse 160.000
Capítulo 5. Ingresos patrimoniais: 57.000

GASTOS: continuidade.

125.000€ posíbel incremento salarial para o persoal municipal.
Desde hai 7 anos o persoal e varios grupos políticos reclamamos e estamos agardando a modificación da Relación de Postos de Traballo que segue sen actualizar, cando o propio interventor di que “se considera necesario modificar a RPT para dar cabida á reclasificación das prazas dos empregados públicos adscriptos a servizos que non son os que realmente prestan actualidade, sendo polo tanto incoherente as clasificacións dos postos da RPT co desempeño das novas funcións encomendadas”. Situación que se agravou no ano 2017, debido a que o persoal que prestaba os seus servizos na lonxa foi asignado a outros servizos municipais, polo que esta circunstancia deberá reflectirse na RPT a traves da súa modificación.

CAPÍTULO 2. GASTOS EN BENS E SERVIZOS CORRENTES.

Amortizacións: aumentan en 26.133,52€ (novas operacións). Intereses diminúense un  18,20%, pola rebaixa contratos coa banca.

O gasto social chega a 1.800.000€, a axuda no fogar destínanse 713.250€ adicados a dependencia mais o servizo préstase por varias empresas no canto de ser prestado de maneira pública, só temos 5 auxiliares a domicilio. O gasto corrente, se é para atender as necesidades da xente desde o BNG cremos que hai que facelo, mesmo se hai que deixar de facer algunha obra, porque primeiro son as veciñas e veciños.

Unha vez máis teremos que pagar máis por queimar os residuos urbanos pois Sogama incrementa o seu custe un 1,2% (ano pasado 1,60%) pagamos máis por non reciclar.

ENDEBEDAMENTO.

Non debe ser superior ao 110%. A evolución é a seguinte: 57,22% no 2015, 42,25% no 2016 e 48,08% no 2017 e 49% no 2018.

CAPÍTULO 6. INVESTIMENTOS REAIS

Aproximadamente o 89,20€ dos investimentos se financian con recursos alleos (préstamos, Deputación e Xunta), o 10,80% (29,85% 2016) restante dos investimentos financiase con fondos propios. Deputación: 1.681.491, 365.000 máis que o ano pasado. O actual goberno de PSOE-BNG dá máis fondos aos concellos que no ano 2015 co PP que daba 660.000€ menos. A Xunta só consigna 145.694€.

A nova Lei de Contratos do sector Público que fixo o PP entrou en vigor en marzo vai xerar prexuizos e danos a economía e ao tecido empresarial e comercial do concello de Ribeira porque está lonxe da realidade dos pequenos e medianos concellos. Abre as portas as grandes empresas, como xa se ve nas licitacións, e os novos requisitos desprazarán as empresas locais porque pon limitacións en contratos menores, cantidade máxima anual por empresa 50.000€ e trámites vía electrónica. Isto será moi negativo para a economía e o emprego local de Ribeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *