Plácido Betanzos, un bo e xeneroso

Os compañeiros e compañeiras do Bloque Nacionalista Galego queremos amosar as máis sentidas condolencias á familia e amizades do noso compañeiro Plácido Betanzos nestes difíciles momentos.

O falecemento de Plácido Betanzos deixa un oco imposíbel de encher, mais cremos que non nos deixa pois o seu legado permanece e perdurará. Todas as persoas que coñecestes a Plácido, sabedes que foi sempre unha persoa afábel, alegre, optimista e loitadora que traballaba e daba sen agardar nada a cambio.

A responsabilidade social deste benquerido palmeirense, levouno a ser profesor do IES Leliadoura e tamén a ser un dos referentes no nacionalismo na nosa localidade, sendo concelleiro do BNG entre os anos 1992 e 2002 e candidato a alcaldía de Ribeira nos anos 1995 e 1999.

O seu compromiso para mellorar a sociedade tamén se canalizou mediante a escrita tratando temas como o drama da emigración na comarca da Barbanza nos primeiros anos do século XX en New York ou sobre a violencia machista cun libro titulado Bágoas na chuvia.

Plácido non nos deixa pois a súa pegada quedará en nós, nas compañeiras e compañeiros de militancia e tamén en toda a sociedade ribeirense. Plácido Betanzos é exemplo de bo e xeneroso que ficará na nosa memoria. Que a terra que tanto amaches, che sexa leve. Até sempre compañeiro!


 

 

 

 

 

 

Imaxe de portada: Marcos Creo. La Voz de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *