O BNG insta ao Concello de Ribeira a manter as franxas de protección limpas

Vázquez Cobas di que o concello podería facer máis do que fai

A Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia e Revisión vixente desde xaneiro de 2018, contempla unha serie de obrigas para os concellos relativas ás Franxas de Seguridade Forestal. Na práctica, esta lei foi de “ignorado cumprimento” tanto pola administración autonómica como pola local mais tras os lumes forestais e a perda de vidas humanas nos últimos anos parece que se toma algo máis en serio.

Desde o BNG ribeirense queremos preguntarlle ao goberno local que accións está realizando para dar cumprimento á normativa das franxas de seguridade forestal no termo municipal de Ribeira. Por outra banda tamén queremos saber, xa que a transparencia brilla pola súa ausencia, se o Concello de Ribeira ten asinado algún convenio para o cumprimento da distancia de seguridade de 50 metros.

Propostas do BNG

A medida máis urxente, sinalou o voceiro do BNG Xosé Vázquez Cobas é incrementar os recursos para as franxas de seguridade así como rapidez para poñelas en marcha antes de que comece o período de grave risco de incendios. Para Vázquez Cobas, o Concello de Ribeira debería instar á Xunta a reformar o dispositivo enfocado cara un mando único e que o PLADIGA sexa operativo dende o primeiro trimestre do ano para iniciar os traballos de prevención antes da temporada de incendios e non cando xa estamos na tempada de máximo risco. No ámbito local desde o BNG proponse que se realice unha campaña de información entre a veciñanza.

Desde o BNG apóstase por un novo modelo de monte que pase por unha moratoria do eucalipto recuperando, en primeiro lugar as 35 mil hectáreas  de plantacións ilegais. Temos que avanzar na concepción multifuncional do monte e contra o abandono do medio rural, defendeu o voceiro nacionalista. Dende o BNG seguiremos reclamando “un ordenamento do monte” cun estudo das zonas de plantacións e medidas operativas contra a propagación dos incendios, pois nos últimos anos teñen afectado moito ao municipio ribeirense así como a todo o país en xeral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *