Ribeira alíase co sector do mar para rexeitar a mina de Touro e O Pino

O pleno aprobou por unanimidade rexeitar o macroproxecto mineiro e tamén a reorganización viaria que solicitaba o BNG para evitar problemas circulatorios no Monumento.

- Proposición conxunta de toda a Corporación Municipal para rexeitar a mina de Touro e O Pino e apoiar o sector do mar: a ría de Arousa dálle traballo ao 44% das mariscadoras a pé, máis do 41% das artes menores, 68,7% das bateas de mexillón de Galiza e a frota pesqueira chega até 1.709 buques e 842 embarcacións auxiliares.

A mina pretende explotarse inicialmente durante 16 anos sobre 689 hectáreas das 1.827 Ha que ocupa a concesión. As balsas para conter os lodos terán 103 millóns de toneladas ademais dunha entulleira con compostos químicos empregados na separación do cobre cunha capacidade de 58 millóns de toneladas. Todos estes residuos terán repercusión no río Ulla e nos seus regatos que desembocan na ría de Arousa prexudicando a produción pesqueira, marisqueira e a captación da auga para consumo humano.
A Corporación Municipal aprobou por unanimidade rexeitar o proxecto megamineiro de Touro e O Pino e instar á Xunta de Galiza a que se restaure a antiga explotación mineira eliminando a contaminación de metais pesados.

Apoiaron a proposta: Plataforma en defensa da Ría de Arousa, Organización de Produtores Mexilloeiros das Rías Galegas, asociación de Armadores de Ribeira, asociación de cerqueiros galegos, asociación de Armadores do Cerco de Aguiño e Ribeira, Confrarías de Ribeira, Palmeira, Carreira e Aguiño, Vendeduría Pesca Fresca, PP BNG, PSOE, C’s, IPR, edís non adscritas/os.

- Reordenación viaria no Monumento: a iniciativa presentada polo BNG saíu adiante co voto favorábel de toda a Corporación. O barrio do Monumento está caracterizado por ser un barrio con importantes desniveis ao que se lle suma rúas con tráfico nas dúas direccións e zonas habilitadas para o estacionamento. Isto non suporía ningún problema de teren as rúas un ancho suficiente, cousa que non pasa por unha mala planificación. O problema que se está a dar nas rúas que teñen os dous sentidos da circulación, é que os vehículos non poden transitar sen deterse, posto que teñen que deixar pasar a outros vehículos ante a falta de espazo. O proceso de peonalización emprendido en Ribeira, non pode ocasionar problemas de circulación noutros barrios polo que solicitamos que o Concello de Ribeira realice un estudo preservando as prazas de estacionamento e que, tamén sempre cando sexa posíbel opte de xeito prioritario polos sentidos únicos de circulación. O goberno local dixo que presentaría o estudo para a súa posterior aprobación.

- Iniciativa do BNG para mellorar o estado dos paseos marítimos: o voceiro do BNG Xosé Vázquez Cobas, defendeu a necesidade de manter en bo estado de mantemento os paseos marítimos, nomeadamente os de madeira. A petición do Bloque tivo boa acollida entre os membros da Corporación e a veciñanza.

- Iniciativa do BNG para mellorar o pintado das chabolas do porto de Ribeira: os galpóns sitos no porto de Ribeira, na zona das Carolinas, presentan un aspecto exterior non todo o positivo que deberían, pois supón unha das entradas á vila. O concelleiro Vázquez Cobas defendu a necesidade de que Portos de Galiza mellore o seu pintado e mantemento.
Con respecto ao Porto de Corrubedo, o BNG presentou unha iniciativa no Parlamento Galego para mellorar as deficiencias que presenta o peirao como son a iluminación, o ferruxe das escaleiras, falta de chabolas para mariñeiros e problemas de espazo. Do mesmo xeito o BNG interesouse no Parlamento Galego pola falta de pavimentación da avenida do Malecón ante o seu estado de deterioro.

- Pregunta do BNG sobre o posicionamento do Concello de Ribeira en favor dunha protesta pro-caza: O goberno local dixo que o apoio non supuxo ningún gasto económico para as arcas municipais e que o Partido Popular apoia a caza e os campionatos que se promocionan, pese a contar cun grande rexeitamento social.

Outros asuntos:
- Aprobación inicial da ordenanza reguladora das subvencións a deportistas individuais do Concello de Ribeira. Aprobado por unanimidade.
- Aprobado realizar reparación de diversos desperfectos e deficiencias no mercado municipal.
- Aprobado por unanimidade destinar unha partida orzamentaria destinada a mellorar a retransmisión dos plenos municipais e anovar a web do concello.
- Aprobado por unanimidade o arranxo dunha estrada en Laxes, Bretal, Aguiño e Castiñeiras.
- Aprobado por unanimidade que o Concello de Ribeira exixa un certificado e non discriminación salarial entre homes e mulleres nas empresas que opten a obras públicas.
- Aprobado realizar xestións para mellorar os sumidoiros da praza de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *