O BNG e Libera exixen explicacións sobre o apoio do Concello de Ribeira á caza

Luís Pérez Barral: se algúns membros da Corporación apoian a caza que o fagan a título individual, non en nome de todo o concello

As redes sociais da Federación Galega de Caza, entidade ben subvencionada pola Xunta de Galiza a través de convenios coa Consellería de Medio Ambiente e da Secretaría Xeral para o Deporte, divulgaron este mes o posicionamento de diferentes concellos, entre eles o de Ribeira, a prol dunha concentración convocada o domingo 15 de abril para defender o mantemento dunha práctica rexeitada pola inmensa maioría da cidadanía galega.

Este posicionamento unilateral non semella respectar ningún criterio de transparencia e participación cidadá e tampouco ten sido consultado cos grupos que integran a Corporación Municipal nin trasladado aos órganos correspondentes para o seu debate. O goberno local furta o dereito das concelleiras e dos concelleiros a manifestarmos as nosas posturas ao respecto desta acción, sen esquecer que, curiosamente os outros dous Concellos que supostamente apoian esta convocatoria tamén están gobernados polo Partido Popular.

Con esta acción, Ribeira súmase á Consellaría de Medio Ambiente na promoción, difusión, apoio e colaboración con accións como as batidas indiscriminadas de raposos disfrazadas como actividades sociais, deportivas e de promoción do turismo que para nada o son.

Cómpre lembrarlles que o Parlamento de Galiza aprobou a comezos deste ano 2018, de maneira unánime, unha iniciativa promovida polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) nas que se acordou, entre outras cousas, non subvencionar, nin apoiar nin participar na promoción de actividades como a caza do raposo.

Isto é só un exemplo de como está evolucionando a sociedade galega, consciente de que os dereitos dos animais tamén deben ser respectados.

Por todo o anteriormente exposto, o BNG e da asociación animalista Libera, preguntarán as seguintes explicacións ao alcalde de Ribeira:


  • En que termos se produce o citado posicionamento, supón un compromiso económico?




    • É consciente o goberno da enorme oposición que esperta a caza e aberracións como os ‘campionatos’ de caza de raposo que o mesmo Parlamento de Galiza pediu non subsidiar con fondos públicos?




    • Pensa dar algunha explicación como alcalde por esta publicidade negativa para o municipio?



    • Deixa unha resposta

      O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *