O BNG reafirma a súa aposta polo transporte público, os aparcadoiros e a peonalización

O BNG leva anos para mellorar o transporte público no noso municipio como aposta estratéxica para que as persoas que viven nas parroquias dispoñan dun medio axeitado para ir até o centro urbano. Neste sentido, o BNG presentou a semana pasada unha proposta novidosa e positiva para a veciñanza, o RiberBUS. Un plan integral de transporte que incluiría; billete xeral a 1€, bonificacións adicionais a ese euro para persoas, desempregadas, con mobilidade reducida, xubiladas e mocidade. Tamén se mellorarían a limpeza, mantemento e sinalización das paradas e marquesiñas.

Cremos que este servizo é fundamental agora que se están aumentando as rúas peonís e o PP vai acometer a reforma do Malecón. Opoñémonos a que o PP tire a estación de autobuses actual, sen ter proxecto definido sobre unha nova infraestrutura que permita acoller aos viaxeiros e viaxeiras.
Se o Partido Popular comeza a se mover neste tema, foi polo traballo, polas propostas positivas e pola insistencia do Bloque.

Con respecto aos aparcadoiros, desde o Bloque sempre se apostou por aumentar o número de aparcadoiros gratuítos disuasorios, algúns do que se fixeron até o de agora foron a proposta desta organización. Do mesmo xeito, o BNG aposta pola remunicipalización do aparcadoiro do Centenario con tarifas reducidas e bonificacións para aquelas persoas que mercan no comercio local. Lembremos que o Partido Popular privatizou o aparcadoiro provocando un encarecemento dos precios e un caos na xestión.


o BNG quere potenciar o transporte e os aparcadoiros para evitar os problemas que provoca a innacción de Ruiz


Finalmente e con respecto á peonalización, no BNG entendemos que é unha aposta de futuro camiñar no aumento da humanización, pois existen beneficios sociais e económicos evidentes. As zonas peonís teñen máis dinamismo, favorecendo así o comercio, maior calidade de vida ao crearse grandes espazos para uso e desfrute da veciñanza e mellora da saúde ao promover os desprazamentos a pé e en bicicleta ou a mellora da calidade ambiental ao reducir a contaminación e ruídos producidos polos vehículos.

Consideramos que o proceso de peonalización que se emprendeu en Ribeira, ten unha fonda pegada do BNG. Esta formación política ten como un dos seus emblemas facer as cidades máis humanas, cuxo máximo expoñente é a cidade multipremiada de Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *