O BNG pide que Esther Patiño, concelleira de igualdade, rectifique ou dimita

A concelleira de servizos sociais, promoción social e igualdade do Concello de Ribeira, Esther Patiño fixo unhas declaracións públicas que para o BNG son intolerábeis por parte da responsábel de facer políticas feministas e en prol da igualdade.

A concelleira responsábel de igualdade de Ribeira declarou: “Feliz día de la mujer, pedir pacificamente salarios igualitarios para trabajos equitativos y que se termine el maltrato tanto machista como feminista. Igualdad

 

Estas declaracións son impropias e intolerábeis e o BNG quere expresar as seguintes consideracións:

  • Dende o BNG consideramos que o comentario publicado pola concelleira de igualdade demostra unha evidente falta de coñecemento dos fundamentos da loita feminista. O feminismo non é hembrismo, e as agresións machistas que sofren as mulleres galegas en todos os ámbitos da súa vida están moi lonxe, tanto cualitativa como cuantitativamente, das que sofren os homes. Entendemos que situar as problemáticas das mulleres ao mesmo nivel que as dos homes, especialmente nun día como é o 8 de marzo e tratándose da concelleira de igualdade, implica unha moi baixa sensibilidade coas violencias que sofren as veciñas de Ribeira.

  • Para o Bloque Nacionalista Galego a violencia machista é un problema gravísimo e os representantes públicos deben ser o exemplo e espello no que se poida mirar a cidadania. É intolerábel este tipo de declaracións machistas por parte da concelleira de igualdade.

  • Entendemos que Esther Patiño como concelleira responsábel de igualdade debe rectificar e pedir desculpas ás veciñas e veciños por estas verbas que nada axudan a loitar contra a violencia machista nin pola igualdade plena e real das mulleres. Cremos que se Patiño non rectifica, debería dimitir, pois declaracións e ideas como as vertidas non teñen cabida nas institucións públicas e son intolerábeis, sobre todo de persoas que teñen un posto de representatividade pública.

  • Por último, o BNG como organización política feminista, que traballa para rematar coas discriminacións e coa violencia machista, conformada por persoas comprometidas coa igualdade entre mulleres e homes, damos o noso apoio ás asociacións e colectivos feministas, as súas reivindicacións e peticións que hoxe se fan.

  • Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *