Ribeira aproba o seu inventario de bens despois de 27 anos de desleixo do PP

Resumo do pleno municipal do mes de febreiro de 2018:

- Folga internacional de reivindicación feminista: a concelleira Elvira Blanco Pérez, defendeu a necesidade de que o Concello e a veciñanza de Ribeira mostrase o seu apoio á folga internacional de mulleres que se vai levar a cabo o 8 de marzo. O BNG denunciou que en Ribeira hai 1.115 mulleres no desemprego fronte aos 605 homes e tamén como a fenda salarial a igual traballo é dun 23% menos de cartos que cobran as mulleres. As mulleres galegas sofren a inexistencia dun marco de relacións laborais galego que axude a negociar melloras para os traballos feminizados do noso país, como a conserva, ademais de sufrir as consecuencias das reformas laborais do goberno central, lesivas para a clase obreira, e a desatención de Xunta e Estado ao fomento de políticas activas contra a discriminación laboral sobre as mulleres.

A proposta contou cos votos a favor do BNG, PSOE e da concelleira non adscrita M. J. Brión e a abstención de C’s.
PP, IPR e os edís non adscritos Asier Casais e Dolores Elorduy aprobaron unha emenda do PP que desvirtúa o sentido desta iniciativa.

- Pregunta do BNG sobre a continuación da senda peonil da estrada Carreira – A Graña: Este novo tramo da senda sumaríase á xa construída pola Deputación na estrada DP-7306 entre os lugares Vixán e A Graña. Vai construirse ampliando a zona de paso para que os e as peóns poidan transitar sen riscos. Despois dos repetidos anuncios do inminente comezo das obras, pois, xa estaba adxudicada en 82.800€. O BNG puido confirmar que esta obra solicitada tanto pola veciñanza como polo BNG xa comezou a realizarse.

- Preguntas do BNG sobre o uso da policía local nunha batida de xabaril: O día 3 de febreiro, sábado, realizouse unha batida de xabaril na zona de San Roque pola que se viron afectados os veciños e veciñas do lugar. Atopáronse con impedimentos para acceder as súas propiedades e se lles obrigou a dar a volta para ir, por exemplo, a Cruxeiras para garantir, din, a súa seguridade. Ante isto, o BNG solicitou do goberno local se garantir a seguridade do perímetro era competencia da policía local, ante o cal, o alcalde manifestou que si.
Sobre a pregunta de se se informara á veciñanza correctamente da realización da batida, Manuel Ruiz tamén afirmou que se lle notificou correctamente. Finalmente tamén informou de que a actividade da polícia local non se viu modificada polo desprazamento de 3 policías locais para este labor.

- Pregunta do BNG sobre o atraso da realización da pasarela peonil entre o porto e o parque do Castro de Castiñeiras: no ano 2017 o BNG presentou unha iniciativa para darlle solución a unha demanda da veciñanza, a construción dun acceso peonil seguro á área recreativa do Castro de Castiñeiras. Iniciativa aprobada por unanimidade no seu momento. Ante a pregunta sobre o atraso na realización desta obra, o alcalde informou de que en 15 días se poderá comezar a obra para que sexa unha realidade esta petición histórica das veciñas e veciños de Castiñeiras.

- Iniciativa do BNG para demandar actuacións na parroquia de Artes: o concelleiro Luís Pérez argumentou que Artes é unha das parroquias que menos investimentos recibe do Concello de Ribeira, polo que acusou ao goberno de Ruiz Rivas de tela esquecida. Concretamente denunciou problemas de roza de maleza, falta de limpeza ou problemas viarios. O BNG solicitou o arranxo do firme da estrada que une o Centro Recreativo de Artes con Salmón e o Hospital da Barbanza.

- Aprobación definitiva do inventario de bens e dereitos do Concello de Ribeira: o desleixo do Partido Popular durante moitos anos fixo que Ribeira non contase con este importante documento que recolle a titularidade de todos os bens que son propiedade do concello, é dicir de toda a veciñanza.

O voceiro nacionalista Vázquez Cobas criticou que era impensábel que un municipio como Ribeira estivese en 2018 sen un documento co que protexer o patrimonio público. Por outra banda, o traballo do BNG permitirá abrir unha investigación de oficio co fin de recuperar os terreos públicos de Couso. A historia dos terreos de Couso é de aproximadamente hai 100 anos, na que os poderes públicos lle cederan o dereito de traballar terras situadas en Couso a persoas que non tiñan suficientes recursos, esta medida adoptouse ante un período de grandes dificultades económicas e sociais. Esta situación foi perpetuándose e moitas persoas facían transmisións dese terreo público sen que ninguén o impedise. Durante décadas existíu un desleixo por parte dos diferentes gobernantes da administración local que nunca quixeron regular esta circunstancia, o cal nos leva á situación actual; terreos con valados, cancelas e vivendas construídas en terreo público.
A iniciativa presentada polo BNG permitirá evitar a perda de miles de metros cadrados de titularidade pública.
Aprobado por unanimidade

- Outros asuntos:
- Modificación da ordenanza de tráfico para incluír as zonas de aparcadoiro express. Aprobado por unanimidade
- Adhesión ao protocolo entre Xunta de Galiza e FEGAMP para implantar e fixar empresas promovendo as desgravacións de impostos locais. Aprobado por unanimidade
- Proposta para mellorar o pavimento da rúa Fonte en Palmeira. Aprobada por unanimidade
- Proposta esixirlle á Deputación que lle reclame á concesionaria das obras da EDAR que arranxe os estragos da estrada xeral. Aprobado por unanimidade
- Proposta para mellorar a rede de abastecemento e saneamento en diversas zonas do municipio. Aprobado por unanimidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *