O BNG quere maior atención para a parroquia de Artes

Os veciños e veciñas de Artes, desgrazadamente están afeitos e afeitas a ter que padecer o reiterado esquecemento que o goberno municipal ten con esta parroquia. Un grupo deles tense posto en contacto co BNG para exixir solucións.

A parroquia de Artes é unha das que menos investimentos recibe cada ano por parte do Concello de Ribeira e isto pode verse na falta de investimentos e na falta de mantemento de estradas e corredoiras. Algunhas delas acumulan anos en mal estado, maleza que se acumula nas cunetas ou falta de limpeza e iluminación nalgúns puntos da parroquia.

Un dos lugares que levan anos sen adecuarse é o de Sego, concretamente a estrada que vai desde o Centro Recrativo e Cultural de Artes coa estrada que une o Hospital da Barbanza con Olveira. A día de hoxe esa estrada presenta un firme moi deteriorado e comezan a abrirse buracos dun tamaño considerábel no asfalto. Ademais hai que sumar que o vial non está iluminado na súa totalidade e carece de beiravías.


Luís Pérez Barral: “cremos que as parroquias están esquecidas, pero Artes directamente está abandonada”


Alén do anterior, o tramo que vai desde a estrada xeral até o Centro Recrativo ten as tapas dos sumidoiros a menor altura que o asfalto polo que se converten en verdadeiras fochancas.

Por toda esta situación o BNG vai solicitar que o Concello de Ribeira execute unha actuación de mellora do firme. Do mesmo xeito o BNG vai traballar para que o Orzamento teña en conta as parroquias, as grandes esquecidas do goberno de Ruiz Rivas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *