O BNG denuncia que a mala xestión do PP obriga a gastar 600.000€ na EDAR

A comisión de seguimento sobre os problemas da EDAR e os tanques de tormenta reuniuse onte para falar dos avances que se produciron para intentar arranxar este problema.

O BNG quere denunciar as mentiras do PP en relación á data de solución dos problemas de cheiros e verteduras que padece a veciñanza. O alcalde e os organismos responsábeis (Aquaest e Augas de Galiza) prometeran ter todo rematado en agosto de 2018 e as obras van comezar, no mellor dos casos, en agosto ou setembro. O BNG cre que non é xusto que a veciñanza teña que alongar os prazos e agardar até final de ano para ver unha solución definitiva.

As obras que se van realizar son a construción de 13 novas arquetas de rotura con sistemas de venteo e tratamento de cheiros ao longo do percorrido da rede de saneamento e tamén unha actuación de mellora no tratamento dos cheiros no tanque de tormenta dos Areeiros. As obras, que por culpa da mala xestión que fixeron os responsábeis do Partido Popular, van supoñer un gasto de 600.000€ de fondos públicos nun proxecto de saneamento que foi mal planificado.

Na reunión o BNG solicitou un informe sobre o estado ambiental dos ríos e sobre as análises feitas por parte de Augas de Galiza sobre a última vertedura do tanque de tormenta no río Listres. O Concello de Ribeira deu conta de que ten pedido o permiso para facer a obra solicitada polo Bloque, de canalizar correctamente o aliviadoiro do río Listres que evite o estancamento de residuos na canle fluvial. As representantes da plataforma veciñal, solicitaron que as actas das reunións de seguimento se fagan con maior dilixencia e que a pantalla vexetal que diminúa os ruídos do tanque de tormenta dos Areeiros sexa de máis tamaño, ao mesmo tempo que expresaron o seu malestar pola demora na solución definitiva.

Por último o BNG expresa o seu compromiso de seguir traballando até atopar solución definitiva aos problemas de cheiros e verteduras. Todo o apoio á veciñanza afectada e reiterar o posicionamento da organización nacionalista de non recepcionar a obra até que se comprobe o correcto funcionamento desta infraestrutura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *