BNG e PSOE solicitan un pleno extraordinario ante a parálise do goberno municipal

O BNG e o PSOE de Ribeira, rexistran unha iniciativa conxunta, na que por primeira vez se solicita a realización dun Pleno sobre o Estado da Cidade. O feito de que dúas organizacións políticas diferentes se xunten para exixir a realización dun pleno extraordinario, no que se traten os problemas de Ribeira e das súas parroquias, responde á falta de iniciativa e mala xestión do goberno municipal que encabeza Manuel Ruiz.

A mala xestión, a pouca iniciativa e a escasa participación e transparencia do PP e de Ruiz Rivas, están provocando inquietude na xente, que ve como as carancias da vila e das parroquias non se solucionan. Tanto o voceiro do BNG Xosé Vázquez Cobas como o voceiro do PSOE José Manuel Vilas, cren a actitude e inacción do PP, lonxe de solucionar os problemas de Ribeira e das parroquias, están provocando malestar entre as veciñas e veciños.

Son moitos os problemas que padece Ribeira, mais destacan o desemprego, un deficiente transporte público, falta de mantemento, limpeza e alumeado ou o esquecemento sistemático das parroquias. Ante isto os voceiros nacionalista e socialista mandaron unha mensaxe de esperanza e de que as cousas poden cambiar se existe vontade. Neste sentido, o BNG traballará para poder darlle solución ás carencias da cidade, como leva facendo durante anos, de maneira rigorosa e seria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *