Dentro dos actos programados para celebrar o 8M, a concelleira de Cultura Antía Alberte e a concelleira de promoción Económica, Genoveva Betanzos, xunto as artistas da mostra presidiron o acto de inauguración desta II Mostra de Mulleres Creadoras de Ribeira cunha gran afluencia de público e de propostas; cun total de 3 esculturas e 21 pinturas de diversos estilos, dende óleo, acrílico, acuarela, gravado, debuxo, serigrafía ou pastel. A mostra estará no C,C. Lustres Rivas dende o 7 de marzo ao 9 de abril.
Unai González introduciu o acto desculpando a ausencia do alcalde polo solapamento doutro acto con entrega de galardóns. O xestor cultural agradeceu o traballo de Sara García que foi a encargada de estar en contacto cos artistas para a organización da mostra. “Deixar en marzo o espazo para unha exposición de mulleres non deixa de ser unha acción positiva que busca abrir unha fiestra de difusión e posta en valor para aquelas creadoras que non se atreven a dar o paso de xeito individual e que quizais despois do éxito alcanzado expoñendo nesta colectiva queiran facelo, radicando aí o sentido desta mostra que agardo que agrade a todas e todos os que decidan visitala” afirmou Unai González.
O pasado xoves dentro da programación do concello polo 8M, celebrou unha conferencia impartida por Carolina Casal co título “Rachando o silencio imposto na historia da arte” que reflexionou sobre a invisibilidade e o mal trato durante a historia do labor das mulleres artistas.
Noutra liña argumental Antía Alberte na súa quenda de palabra puxo en valor a esas mulleres que tiñan inquietudes artísticas e non as puideron desenrolar “é un pouco esa sensación que se quere transmitir de esas mulleres que por avatares de xénero non lograron satisfacer as súas inquietudes culturais, unha homenaxe a esas mulleres que antepoñen a súa vida para os coidados dos demais, poñer ese concepto na mesa e facer unha reflexión sobre o tema, non só ás mulleres; penso que é un tema social e o teño que poñer enriba da mesa”.
O feminismo non é só poñer un pin ou vestir morado
Por outra banda Antía deixou claro que esta mostra non está enfocada á interpretación de obras que explicitan á muller, “senón facer o que lle inspire a cada unha como artista, e ademais lle propuxemos para o catálogo, que hoxe se repartirá para todos e todas, facer un pequeno texto que lle inspire a propia obra”. Antía sinalou que “o feminismo non é vestirse de morado un día ou poñerse un pin senón que a nosa liña será seguir traballando todo o ano transversalmente para dar unha visibilidade máis sólida”.
O acto rematou coa entrega dos catálogos da mostra e agradecendo aos asistentes e artistas por asistir a esta segunda mostra.