Hoxe no Día dos Mestres celebrouse o acto de entrega dos galardoados do I Concurso de Debuxo e Pintura Montse Noya Vázquez na honra da mesma polo pasamento repentino da profesora do CPR Galaxia no ano 2023; é o punto de partida desta convocatoria, recordo da querida mestra, e homenaxe ao labor de todos os mestres e todas as mestras ao longo dos períodos de formación.
O acto de entrega celebrouse na sala polivalente do novo Auditorio onde a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla acompañou aos diversos alumnos de varios centros do municipio así tamén como ao profesorado.
A finalidade do concurso, aberto ao alumnado de todos os centros de ensino de Ribeira e todos os niveis, é o fomento da expresión plástica como forma de comunicación primaria, na que a emoción e o acervo cultural e social se expresa nun sentido complexo que acolle a todas as idades enriquecéndose con diferentes interpretacións e rexistros.
O xurado seleccionou medio cento de obras que van formar parte dunha mostra na Casa da Xuventude de Ribeira desde o 19 ata o 28 de novembro de 2024. E desta primeira selección decidiuse que as obras premiadas co primeiro, segundo e terceiro posto son as que a seguir se indica:
Obras gañadoras:
1º premio. Un bono de compra no comercio local por valor de 150 € e vai ser ademais cartel nunha actividade cultural do Concello de Ribeira. Pseudónimo: Seica. A obra gañadora resulta ser autoría dun neno de 5 anos que estuda no CPR Galaxia, Daniel Vila Cañestro.
2º premio. Un bono de compra no comercio local por valor de 100 €. Pseudónimo: Venus. A obra gañadora resulta ser autoría dunha moza de 14 anos que estuda 3º de ESO no CPR Galaxia, Nora Stitou Crujeiras.
3º premio. Un bono de compra no comercio local por valor de 50 €. Pseudónimo: Océano. A obra gañadora resulta ser autoría dun neno de 8 anos 3º de ensino primario no CPR Sagrado Corazón de Xesús, Rubén Lampón García.
A obra destaca por ter unha composición interesante e cun tratamento que se achega ao expresionismo. A insólita elección e distribución dos elementos que enmarcan a figura humana fai que resulte moi atractiva.
O xurado do concurso dou a hora boa a todas as persoas que se presentaron ao concurso e ao Concello de Ribeira. E finalizaron: “E todo o noso recoñecemento aos mestres e mestras que, como Montse, traballades educando en liberdade”.

