Dende o goberno, darémolle voz ao mar


Comprometémonos a poñer en marcha a Concellería de Pesca, que será o faro vixía, atento aos perigos, e a encargada de darlle voz ao mar.

Tamén consideramos fundamental reclamar un novo status para Galiza: o de zona altamente dependente da pesca.

Hoxe, Bieito Lobeira, Xosé Luís Groveiro e máis eu, reunímonos co sector pesqueiro. Á xuntanza acudiron o Patrón Maior de Ribeira e representantes de todas as asociacións locais tanto do ámbito pesqueiro como comercializador.

Durante un par de horas démoslle un repaso a todas as problemáticas que afectan ao sector tanto no relativo á redución de cotas, como á necesidade de acondicionar e modernizar todas as infraestruturas portuarias.

Insistiron na necesidade de competir en igualdade de condicións á hora de poder pescar e mesmo de negociar as cotas. Para iso é fundamental que as administracións se impliquen na defensa dun sector estratéxico para o país. Neste senso, consideran fundamental para a viabilidade da flota incrementar as cotas para o vindeiro ano ao nivel do ano 2010 e manter os mercados, pois unha vez perdidos é moi difícil recuperalos.

Con respecto á situación do porto, concordamos na necesidade dun Plan de Usos, dunha nova lonxa, de chabolas, de mellorar os pantaláns, o propio firme ou a dotación de tomas de auga. Do mesmo xeito, é evidente a falta de limpeza e de iluminación; persoalmente contei máis dunha ducia de luminarias fundidas.

Tamén coincidimos no agravio comparativo que se está producindo a respectos doutros portos nos que se permite a subministración de gasolina ás embarcacións coas exencións fiscais previstas na lei, o que supón unha rebaixa no prezo do combustible dun 50% aproximadamente, do que a flota de Ribeira non se está a beneficiar.

Dende a Concellería de Pesca traballaremos en coordinación co sector e con todas as administracións para que Ribeira non só manteña os actuais postos de traballo que se xeneran no mar, senón que mesmo se incrementen. Temos potencialidades para seguir sendo o primeiro porto de baixura de Europa e sector e administración deben navegar no mesmo barco para que a pesca en Ribeira teña futuro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.