Demandamos solucións para acadar o saneamento integral

O BNG de Ribeira reuníuse coa Asociación Sagres de aguiño para tratar a situación da EDAR de Ribeira

O BNG solicita que se respecte e se faga valer o acordo plenario unánime do día 30 de xullo do 2007 e, ao mesmo tempo, que o Goberno Municipal do PP realice as xestións necesarias diante da Consellería de Medio Ambiente para que Ribeira poida contar canto antes co saneamento integral.

Na tarde de onte a voceira municipal do BNG de Ribeira, Dominga Brión, e os membros do Grupo Municipal Anxeles González Cruxeiras, Ana Álvarez e Luís Teira, acudiron á reunión convocada no Auditorio de Aguiño pola Asociación Sagres. A esta xuntanza asistiron tamén representantes do resto dos grupos municipais.

Neste encontro tratouse durante máis de hora e media sobre a situación na que se atopa neste momento o proxecto da EDAR de Ribeira, elaborado pola Consellería de Medio Ambiente en base á proposta de localización en Pinisqueira que inicialmente acordou a Xunta de Goberno Local do PP en sesión celebrada o 9 de febreiro do 2006.

Dende o BNG manifestámolle a nosa preocupación porque, un ano despois da entrevista mantida co Conselleiro de Medio Ambiente, aínda non se lle remitira formalmente dende o concello a terceira proposta de localización para a EDAR (antes de chegar a Conresa á dereita) presentada na reunión celebrada con él o 25 de outubro de 2007, pese a que o Alcalde sempre afirmara o contrario, a última vez no Pleno ordinario celebrado o pasado 27 de outubro.

Indicámoslle que este feito foi recoñecido polo Alcalde na Xunta de Voceiras/os celebrada o pasado día 4 de novembro, ante a demanda do BNG para que se lle facilitara copia do documento remitido á Consellería de Medio Ambiente. En resposta á nosa insistencia na importancia de efectuar ese envío formal, o alcalde comprometeuse á súa remisión oficial (por escrito, con rexistro de saída), compromiso que tamén ratificou o voceiro do PSOE na reunión celebrada onte.

Tamén lle informamos ás persoas asistentes que o BNG ten presentado sendas iniciativas diante da Xunta de Goberno e do Pleno da Corporación solicitando que se respecte e se faga valer o acordo acadado por unanimidade de toda a Corporación Municipal de Ribeira o día 30 de xullo do 2007 e, ao mesmo tempo, que o Goberno Municipal do PP realice as xestións necesarias diante da Consellería de Medio Ambiente para acadar un entendemento a fin de que o Concello de Ribeira poida contar canto antes co saneamento integral para as súas augas residuais da maneira máis sostíbel e consensuada posíbel.

Por último, temos que lamentar que a representante do grupo popular só se comprometera a darlle traslado ao alcalde do alí ocorrido, pese a insistencia dos membros da Asociación Sagres, do BNG e do resto dos grupos da corporación en ofrecer a súa colaboración e acadar un compromiso conxunto para avanzar na búsqueda de solucións na liña de acadar o saneamento integral para o Concello de Ribeira. Alegando compromisos familiares, a voceira popular dou por rematada a sesión obrigando ao resto dos asistentes a abandonar o lugar da reunión, o Auditorio de Aguiño, ao ser ela mesma a encargada de pechar o local.

Iniciativa Municipal:
2008-10-30edarribeira.pdf

Nova relacionada no Correo Gallego:
Ni la ventanilla única acelera el agónico trámite para la EDAR

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.