Demandamos que se faga valer o acordo plenario

A respecto das declaracións feitas pola Consellería de Medio Ambiente relativas a EDAR de Ribeira, que tanto a mesma como o Goberno Municipal pretenden instalar en Aguiño, queremos facer valer o acordo acadado por unanimidade de toda a Corporación Municipal de Ribeira o día 30 de xullo.

Cabe lembrar que todos os Grupos políticos, incluído o PSOE, votaron a favor dunha iniciativa do BNG que recolle as demandas veciñais e que nos comprometemos a presentar o pasado 19 de xullo, nunha xuntanza organizada pola Comisión Veciñal de Aguiño, hoxe Asociación Sagres, na que participamos xunto coas Voceiras do PP e IPdeR e co Voceiro do PSOE.

O acordo adoptado por unanimidade foi o seguinte:

1. Que o proxecto da EDAR de Ribeira se someta aos trámites de Avaliación de Impacto Ambiental e de Avaliación Estratéxica da Sostibilidade.

2. Que se solicite da Xunta de Galicia unha depuradora específica para o polígono industrial de Xarás.

3. Que, en todo caso, o emisario se prolongue ata augas profundas, augas oceánicas, e fóra da enseada en augas con correntes oceánicas, onde se asegure o mínimo impacto e unha rápida dilución e difusión no medio receptor.

4. Que o incremento na intensidade de uso do espazo destinado á planta depuradora vaia acompañado das preceptivas medidas compensatorias.

Se tanto a veciñanza como todos os Grupos Municipais foron capaces de chegar a este acordo de mínimos, non se entenden agora posturas de enfrontamento e mesmo ameazantes, na prensa, que só poden traer problemas para toda a sociedade ribeirense. Máxime cando o propio Conselleiro de Medio Ambiente se comprometeu a estudiar o tema e dar unha resposta nunha reunión que se ía celebrar na primeira quincena de setembro.

Queremos, pois, facer un chamamento para que o Goberno Municipal e Consellería cheguen a un entendemento e Ribeira poida contar canto antes coa mellor depuración posíbel para as súas augas residuais.

Declaracións da Consellería de Medio Ambiente:
Ribeira verte á ría diariamente 15 millóns de litros de auga sen depurar
O terreo que propón Ribeira para a depuradora está incluído na Rede Natura

3 comentarios en «Demandamos que se faga valer o acordo plenario»

  1. Sexamos claros: o Concello (PP) meteu a pata canto propón que se faga unha gran depuradora para todo o concello, incluídos os residuos do polígono de Xarás, en Pinisqueira, en Aguiño, a carón de vivendas. A Consellería (PSOE) tamén, porque aceptou esta proposta e fixo un anteproxecto sen presentar alternativas distintas.

    A veciñanza de Aguiño non está dacordo con este anteproxecto e deixouno patente.

    Antes as importantes mobilizacións feitas, o PP e o Concello vótanlle a culpa á Consellería, e a Consellería devólvelle a pelota ao tellado do Concello. Pero ningunha das dúas administracións con responsabilidade no tema buscan solucións para un grave problema de Ribeira.

    Por qué lle custará tanto aos gobernos rectificar cando meten a pata? Rectificar é de sabios, según un dito popular.

    Vai sendo hora de que os nosos gobernantes actúen como tales e nos resolvan os problemas en vez de ocasionarnos máis.

  2. ¿Quién dijo que fue el concello el que propuso Pinisqueira? ¿No será esta una forma de descargar la responsabilidad de la Consellería de Medio Ambiente? Si lo que decís es cierto no estaría de más poder demostrarlo. Claridad, por favor!!

  3. Para comprobalo non tes máis que pedir a acta da Comisión de Goberno, formada como sabes integramente por concelleiros e concelleiras do PP, de data 9-02-2006. Son públicas. Na mesma indícase que é Pinisqueira o terreo que o Concello se compromete a poñer a dispor da Consellería para o emprazamento da EDAR.

    Iso non exime de responsabilidade á Consellería, pero o primeiro responsábel é o Goberno Municipal.

    Saúdos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.