Demandamos axudas para as familias das vivendas de Xarás

O BNG RECÓRDALLE AO PP QUE A SITUACIÓN DOS PISOS DE XARÁS É CONSECUENCIA DA “IRRESPONSABILIDADE” DOS SEUS GOBERNOS POR TER ADXUDICADO A OBRA A UNHA EMPRESA SEN SOLVENCIA

Ana Pontón insta ao actual goberno a que tome exemplo da anterior consellaría de Vivenda e compense ás familias con axudas polos prexuízos causados pola demora

A deputada do g.p do BNG Ana Pontón pídelle ao Partido Popular que deixe de agochar tras “cortinas de fume” as súas responsabilidades no asunto da entrega dos pisos de Xarás e recoñeza que os retrasos que se están a producir derivan de decisións tomadas polo PP, que adxudicou a obra unha empresa con problemas de solvencia económica.

A deputada considera que Ruiz Rivas debe facer algo de memoria e recordoulle que a obra foi adxudicada polo anterior goberno popular con data de 21 de Outubro de 2004 e con prazo de execución de 18 meses a contar dende a firma da acta de replanteo, o 22 de Marzo de 2005, de tal xeito que o prazo de execución debía ser o 22 de Setembro de 2006.

Non obstante, engade a parlamentar, nesta data só estaba executado o 13, 85 por cento, unha situación que levou á Consellaría de Vivenda a rescindir o contrato coa empresa, que se demostrou non tiña a solvencia precisa para acabar en prazo a obra.

A decisión da Consellaría implicou volver facer un concurso público para a nova adxudicación, coa conseguinte demora polos trámites administrativos que conleva, que se resolveu, finalmente, o 11 de Marzo de 2008.

Co obxecto de compensar ás persoas adxudicatarias desas vivendas, polos prexuízos ocasionados por tanto retraso, o anterior goberno dispuxo nese ano, no 2008, unhas axudas para esas familias de 2000 euros, “unha medida da que agora o Partido Popular debería tomar exemplo e facer o propio este ano”.

Ana Pontón explica que, de feito, nas previsións de Vivenda estaba contemplada esta partida de axudas, de aí que insista en que o PP o que ten que facer é “tomar boa nota” para axudar ás familias afectadas e asumir, ademais, que esta situación é consecuencia da “irresponsabilidade dos seus gobernos”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.