Demandamos a posta en funcionamento da Casa de Dona Adela

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que reclama a urxente posta en funcionamento da coñecida popularmente como Casa de Dona Adela, na que o goberno do PP ten anunciado, e mesmo publicitado en folletos, a dotación dun museo.

Tamén solicita información a cerca das causas da tardanza na posta en marcha das nomeadas instalacións, así como das actividades que se van a desenvolver neste espazo público.

O concello de Ribeira ten numerosas obras executadas, pendentes de poñer a disposición da cidadanía. A pesar da carencia que ten o noso concello de espazos públicos e mesmo do importante custo económico que supón a realización das mesmas, incomprensiblemente moito tempo despois de rematadas aínda non se pode disfrutar da súa utilización.

Antecedentes:
A Casa de Doña Adela é un claro exemplo de desleixo do goberno local. Esta edificación, emprazada no número 19 da Rúa de Galicia, é un ben inmoble catalogado como de grao I no PXOM de Ribeira. A lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia indica no artigo 75.3, en relación cos inmobles catalogados que “o planeamento deberá prever as medidas necesarias para a protección, conservación, recuperación e aproveitamento social e cultural dos bens incluídos no catálogo.”

No PXOM de Ribeira, en referencia ao patrimonio cultural, no artigo 167: recollese que “a protección destes edificios, conxuntos e elementos vai encamiñada a súa conservación, rehabilitación e posta en valor aceptando a realización de determinadas obras en función das características do obxecto protexido.”

Aínda así, fixeron falta moitas mobilizacións da cidadanía e moitas iniciativas do BNG, tanto diante do goberno do PP de Ribeira como diante da Delegación da Consellaría de Cultura, para paralizar primeiro o expediente iniciado co obxecto de declarar o inmoble en estado de ruína (Decreto de Alcaldía de data 23-04-2004 o que implicaría o seu derrubo), e logo a súa adquisición para o patrimonio público e a posterior rehabilitación. Evitouse, grazas ao esforzo colectivo, a especulación urbanística logrando á necesaria protección e conservación do noso patrimonio.

6 anos despois, segue pechada a cal e canto
Con todo, preto de 6 anos despois de iniciado o proceso, e coas obras de rehabilitación xa rematadas dende hai meses este espazo, que o goberno do PP xa publicita nos seu folletos como un museo, segue pechado a cal e canto, pese a que Ribeira non conta con ningún museo público.

O BNG leva insistindo na necesidade de pór en marcha este equipamento cultural tan necesario para o noso concello así como saber cales van ser os contidos que lle van dar sentido ao mesmo. Sen dúbida o Concello de Ribeira debe ter moitas pezas doadas por persoas e institucións con valor artístico e patrimonial. Pezas estas que deben de estar a exposición pública. Indicar que na parroquia de Artes existe un museo etnográfico, posto en marcha pola veciñanza da parroquia, que ben podería cumprir esta labor de albergar pezas de interese que ten o noso concello.

O BNG de Ribeira propón que este museo municipal sexa a sede dun museo do mar, e máis especificamente un museo para a nosa embarcación tradicional máis senlleira: a dorna. Un mar que é a base da nosa economía e fonte espiritual do que somos. Que menos que contemos cun museo dedicado a el! Un museo que sexa diferente, uniforme en canto a temática, único en canto a contido (non existe ningún museo específico da Dorna), que forme parte do noso (Ribeira é mar). Este museo podería recoller todo o patrimonio material (distintos tipos de dornas, artes de pesca, etc.), o inmaterial (léxico, costumes, etc) e o lúdico (a Festa da Dorna leva máis de 60 anos formando parte do nós colectivo).

Dende o BNG de Ribeira queremos saber porque un investimento de 405.965, 92 €uros, que se investiron na rehabilitación do inmoble, aínda non está dispoñible para a cidadanía. Demandamos saber que contidos vai ter este equipamento e propoñemos a creación do Museo da Dorna nese espazo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.