Demandamos a construción dun campo de fútbol en Artes

O BNG de Ribeira ven de presentar unha iniciativa municipal pola que lle reclama ao Goberno do PP que destine unha partida económica no orzamento do 2009 para acometer a construción dun novo campo de fútbol na parroquia de Artes

O fomento da actividade deportiva, especialmente entre a mocidade é unha das prioridades que os concellos deben atender para acadar unha mellor calidade de vida da súa poboación. É coñecido o importante esforzo que na parroquia de Artes teñen realizado, desde xa hai moitos anos e de xeito desinteresado, moitas persoas para o mantemento dun equipo de fútbol, o C.D. Artes, que leva a cabo unha labor que transcende xa os límites da parroquia e que beneficia á xuventude de todo o concello de Ribeira. O C.D. Artes mantén na actualidade en ficha a máis de 80 xogadores e sostén equipos en catro categorías: alevíns, cadetes, xuvenís e afeccionados.

O C.D. Artes, e moitos máis equipos nas competicións e adestramentos, utilizan desde hai moitos anos o campo de fútbol de Trumians que se atopa actualmente nun estado de conservación lamentable: cunha moi precaria instalación eléctrica que case impide a utilización de auga quente, cuns vestiarios en pésimas condicións, carente de cerramento exterior en condicións, sen bancada cubertas e cun terreo de xogo case impracticable. Cabe indicar que se aínda é posible utilizar estas instalacións para a práctica do fútbol federado é debido exclusivamente ao esforzo dos propios directivos e colaboradores do Club e ás axudas que eles mesmos xestionan.

Sendo conscientes de que a pésima situación das instalacións de Trumians está en gran parte motivada polas limitacións derivadas da súa situación no interior do Parque Natural de Corrubedo que foi, en todo caso, posterior á construción e cesión ao Club, pensamos que a solución a este grave problema pasa necesariamente polo traslado do campo actual a unha nova ubicación máis acaída.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.