Comida e festa do PP pagada con cartos públicos do Concello de Ribeira

Electoralismo Alcalde Ribeira. Manuel Ruiz Rivas PP. BNG RibeiraDesde o Bloque Nacionalista Galego queremos denunciar un novo capítulo de malgasto de diñeiro público, por parte do Partido Popular nunha comida dun único día para maiores.


A xestión do goberno do PP repite punto por punto o modelo económico que nos levou á crise e comprobamos que as prioridades non son resolver os problemas da veciñanza senón outras moi distintas, favorecer intereses persoais e de partido.


Ao desbaldimento das arcas públicas súmaselle o aumento de tódolos impostos e taxas municipais no peor momento en que a xente o pode asumir. Este aumento, que se vén levando a cabo nos 3 últimos anos, xa supuxo unha subida do 9% e só se paralizou no 2015, ante a proximidade de eleccións, algo que non se ve reflectido en mellores servizos sociais como debera. Ao contrario: o transporte público mantén prezos desorbitados, as beirarrúas e estradas están en moitos casos invadidas de maleza e fochancas, parques e mobiliario urbano en mal estado, falta de mantemento de instalacións municipais, as persoas con necesidades teñen que pedir auxilio a organizacións non gobernamentais e caritativas ante a demora da axuda de Servizos Sociais e un longo etcétera.


Porén, o que si se realiza son multiplicidade de obras propagandísticas como estatuas ou marco-infraestruturas que serven máis para a imaxe do alcalde que para cubrir as necesidades da cidadanía. A cea de maiores non é máis ca un episodio máis deste modelo de política que o Partido Popular se nega a abandonar para dedicarse a resolver as necesidades do pobo (desemprego, servizos esenciais, emigración, mantemento de instalacións, estradas, etc).


No BNG apostamos por outro modelo polo tanto solicitamos que a comida de maiores, que popularmente é amplamente coñecida como “a comida do PP”, sexa cancelada polas súas connotacións partidistas, e que os cartos destinados a ela se empreguen en algo máis necesario e útil para o conxunto da veciñanza.


Por todas estas razóns o BNG propón destinar os milleiros de € que dilapidará o Partido Popular neste momento de crise e nun só día a:


- Creación dun Fondo de Emerxencia Social destinado a pagar alimentos e bens básicos para familias que non poidan facelo e persoas en risco de exclusión social.
- Fomento de políticas de emprego e reactivación económica.
- Axuda aos sectores produtivos de Ribeira, nomeadamente; pesca, industria pequeno comercio e hostalaría.
- Paliar deficiencias en servizos básicos como ensino e sanidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.