BNG trata de frear o feche das oficinas de Abanca trasladando a demanda ao Parlamento

A crise financeira que estourou no ano 2008 supuxo, ademais do rescate bancario con fondos públicos (que non se recuperaron, pois o propio Banco de España dá por perdidos máis de 42.000 millóns de euros), unha reestruturación bancaria que trouxo unha maior concentración e centralización do sector, unha destrución e precariedade laboral e un empeoramento dos servizos e das condicións para particulares e para pequenas e medianas empresas.

Esa concentración bancaria supuxo en Galiza uns índices superiores á media estatal e europea e as entidades están a aproveitala para reducir progresivamente a rede de oficinas ao tempo que empeoran as condicións, buscando o máximo beneficio económico a costa das persoas consumidoras e das e dos traballadores, que sofren constantes ERE e precariedade.

O BNG compareceu hoxe para presentar unha iniciativa que levarán ao Parlamento de Galiza na que expoñen que coa irrupción da pandemia do coronavirus, a cobiza das entidades vai a máis e emprégana como coartada para incrementar comisións e cambiar condicións de xeito unilateral. A deputada no Parlamento galego, Rosana Pérez, asegurou que “nestes meses estamos a ver tamén como moitas entidades pecharon as súas oficinas definitiva ou temporalmente, no lugar de ampliaren horarios e persoal por mor da crise sanitaria”.

Pérez Fernández detallou que, contradicindo as normas de competencia, as entidades pactaron horarios de caixa obrigando ás e aos usuarios a ir nas primeiras horas da mañá. “As enormes colas non se deben á limitación de aforo senón ao abuso na prestación de servizos e á falla de persoal” aseverou.

Coa pandemia tamén se está a obrigar ás e aos clientes, con independencia das súas condicións ou habilidades persoais, a empregar a banca virtual, abusando especialmente das persoas maiores e converténdoas en vulnerábeis financeiramente ao obrigalas practicamente a que terceiras persoas xestionen as súas contas. Nesta nova crise estamos asistindo a unha nova fase de fusións na que continúa o aumento da concentración bancaria e a redución da oferta, o que amosa o fracaso do rescate anterior e das medidas impulsadas e que estamos nun momento que trae máis abusos, máis perda de oficinas, máis destrución de emprego e un empeoramento aínda maior da atención e das condicións.

A comarca da Barbanza tampouco escapa a este contexto, e vemos como ABANCA continúa adiante, a pesar das mobilizacións veciñais, co seu propósito de pechar as oficinas que ten en Palmeira (Ribeira) e en Escarabote (Boiro). Esta decisión vai provocar un grave prexuízo ás veciñas e veciños de ambos os dous lugares, que van ter que desprazarse ou verse na obriga de depender doutras persoas para operar de xeito dixital, se dispoñen dese recurso.

A grave situación fai necesaria unha ampla resposta social e política diante da inacción do goberno central, de quen depende a regulación bancaria, ou do goberno da Xunta, que ten competencias exclusivas en materia de consumo, que non emprega. Ante iso, o BNG súmase á preocupación da veciñanza de Palmeira e de Escarabote, así como á do persoal da entidade polo peche destas dúas oficinas que, de efectivizarse, vai afondar na exclusión financeira na que xa están miles de persoas no noso país.

Ante iso, o BNG vai demandar no Parlamento de Galiza a realizar todas as accións precisas diante da dirección de ABANCA para evitar o peche das oficinas de Palmeira e de Escarabote, polo que supón de perda de servizos para a poboación deses lugares e tamén de postos de traballo. Solicitaremos ademais, exercer as súas competencias exclusivas en materia de consumo para garantir que ABANCA preste servizos bancarios de calidade, co persoal, instalacións e horarios precisos e que non supoñan a conculcación dos dereitos da poboación, en especial da máis vulnerábel.

A nivel local, o voceiro do BNG en Ribeira, Xosé Vázquez, reclamará que Ribeira retire os cartos públicos da entidade bancaria de seguir adiante co feche da sucursal de Palmeira e coa redución de persoal nas oficinas. Pola súa banda, a voceira do BNG en Boiro, Raquel Suárez, confirmou o apoio ás mobilizacións veciñais e avanzou que desde o Bloque farase todo o posíbel para evitar estes peches.

One Comment on “BNG trata de frear o feche das oficinas de Abanca trasladando a demanda ao Parlamento”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.