Pérez Barral denuncia que os terreos alugados teñen fochancas, carecen de iluminación e están cheas de lixo
O BNG volverá trasladar a Pleno as demandas que lle trasladaron os veciños e veciñas de Ribeira para que se mellore o mantemento dos aparcadoiros das Avesadas, Monumento e Fernández Oujo, concretamente o firme, a iluminación ou a limpeza. Para dar conta da iniciativa estiveron o concelleiro Luís Pérez, os membros do Consello Local Cruz Rivaulla, Vicente Paz e dous residentes da zona.
Non fai falla máis que ver os aparcadoiros para apreciar que é necesario, mellorar o seu firme, rozar a vexetación, retirar os cascallos de obra e o lixo que teñen, así como mellorar a súa iluminación. O concelleiro, Luís Pérez Barral, “para que os aparcadoiros sexan unha alternativa onde deixar o coche, hai que terlle un firme axeitado evitando que sexan unha lameira os días de chuvia e unha zona de terra e po no verán”. Pérez Barral solicitará que se mellore a iluminación e a retirada de lixo e residuos de obra que impiden estacionar a máis vehículos no aparcadoiro das Avesadas.
Precisamente no lugar das Avesadas mantense o alugueiro dun predio que podería dar cabida a 150 vehículos pero que actualmente só poden estacionar 20 debido á lamentábel situación na que está con cascallos e maleza. “É vergoñento que por culpa da parálise e incapacidade do goberno local para rematar as obras do municipio, o concello estea gastando cartos públicos deixando este aparcadoiro sen rematar, o que provoca que moitas persoas non teñan onde deixar o coche cando baixan á vila” aseverou Barral. Desde o Bloque lembramos que sempre apostamos pola posta en marcha dos estacionamentos gratuítos pero en condicións axeitadas e non en terreos cheos de fochancas e lixo.
Xestión pública do Centenario
Pérez Barral tamén se referiu á situación do aparcadoiro do Centenario para criticar a política privatizadora do PP que provocou un encarecemento nos prezos e un caos na xestión. O concelleiro nacionalista remarcou, ante as declaracións feitas por Ruiz en días pasados nas que se aseguraba que volvería privatizalo, que o BNG oporase á súa privatización e defenderá a xestión pública do Centenario para poder poñelo a disposición da veciñanza con tarifas reducidas e bonificacións para aquelas persoas que merquen no comercio local. Esta medida, finalizou Pérez Barral, permitiría axudar ao comercio local a mellorar as súas vendas e tamén se aumentaría o número de estacionamentos públicos, algo moi necesario a día de hoxe.
Un comentario en «BNG trasladará as peticións veciñais para mellorar firme, iluminación e limpeza dos aparcadoiros de Ribeira»