Luís Pérez Barral denuncia que, un ano despois da moción de censura, non se cedeu ningún terreo á consellaría, non hai proxecto nin partida orzamentaria e o PP pretende tirar ao lixo cos 800.000 euros xa investidos nas Saíñas
Os grupos da oposición no Concello de Ribeira, BNG, PSdeG e concelleiros non adscritos, forzan a convocatoria dun pleno extraordinario e monográfico sobre a construción da nova residencia pública de maiores.
O exalcalde e portavoz do BNG Luís Pérez Barral, xunto co resto de voceiros, explicou nunha comparecencia ante os medios que a iniciativa pretende que o Goberno municipal dea explicacións sobre a situación actual dun dos investimentos máis necesarios para Ribeira e para toda a comarca da Barbanza.
A convocatoria prodúcese, ademais, no mes no que se cumpre un ano da moción de censura impulsada polo Partido Popular e Barbanza Independente contra o Goberno municipal encabezado por Pérez Barral. O portavoz nacionalista lembrou que os promotores daquela moción xustificaron a súa decisión na necesidade de desbloquear proxectos importantes para Ribeira. Porén, un ano despois, denunciou que a residencia pública de maiores continúa sen avanzar. “É precisamente este mes de setembro cando se cumpre un ano de que rexistraran aquela moción de censura e vemos con incredulidade como, un ano máis tarde, moitos proxectos están paralizados como a residencia pública de Ribeira que carece de terreo, carece de proxecto e carece de partida orzamentaria para poder licitarse este ano 2026”, afirmou Pérez Barral.
O portavoz do BNG reclamou ao Partido Popular e a Partido Barbanza Independente que expliquen que fixeron durante este último ano para avanzar nun proxecto que considera fundamental para Ribeira. “Estamos falando dun investimento importante, que supera os 12 millóns de euros e que é necesario para prestarlle servizo ás persoas maiores do noso concello e tamén da comarca da Barbanza”, sinalou. Tras un ano de Goberno municipal do PP, non só a residencia pública continúa paralizada, senón que existen outros numerosos proxectos que permanecen “gardados nun caixón”.
Tirar ao lixo máis de 800.000 euros
Un dos principais motivos da convocatoria do pleno extraordinario é a pretensión do Partido Popular de abandonar a localización prevista nas Saíñas e trasladar a residencia a San Roque. Para o BNG, esta decisión suporía perder todo o traballo realizado e poñer en risco máis de 800.000 euros xa investidos de cartos públicos. “A pretensión do Partido Popular é tirar ao lixo máis de 800.000 euros que se levan investidos no terreo das Saíñas e trasladar ás persoas maiores ao monte, a San Roque”, denunciou o nacionalista. Ademais, Pérez Barral advertiu de que esta nova localización estaría desconectada do centro urbano, non disporía de transporte público e obrigaría a volver practicamente ao punto de partida de hai anos mentres que facer a residencia nas Saíñas implicaría que nuns meses podería estar en construción. “Estamos falando de que a Consellería de Política Social non ten o terreo á súa disposición, tampouco ten un proxecto e tampouco ten habilitada a partida orzamentaria para poder levar esa construción adiante”, engadiu.
Reclamamos manter o proxecto nas Saíñas
A través da convocatoria deste pleno extraordinario, BNG, PSdeG e concelleiros non adscritos reclamamos, en primeiro lugar, que se execute o proxecto da residencia pública de maiores nas Saíñas tal e como estaba previsto xa que nesta localización non existe ningún tipo de lexislación que impida a construción da residencia nese emprazamento tal e como confirmou o goberno español. Esta localización trátase dun terreo accesible, conta transporte público e xa se realizaron importantes investimentos públicos alí. “Non queremos que se perda máis tempo nin que se tiren ao lixo 800.000 euros de cartos de todos os veciños e veciñas e de todos os galegos e galegas”, manifestou.
Pedimos que se fagan públicos os informes
Durante a comparecencia, o exalcalde de Ribeira tamén reclamou á Xunta de Galiza que faga públicos os supostos informes técnicos nos que se baseou para denegar a continuidade do investimento nas Saíñas. Queremos saber por que a Xunta de Galiza non fai públicos eses supostos informes técnicos nos que se baseou, por criterios arbitrarios, para denegar un investimento público destas características no noso concello. Pérez Barral tamén cuestionou os motivos polos que o proxecto da residencia foi bloqueado e acusou á Xunta e ao Partido Popular de utilizar unha infraestrutura necesaria para Ribeira como instrumento político para acabar cun goberno local encabezado polo BNG que funcionaba.
Reclamamos prazos concretos para a construción
Esiximos ao Goberno municipal e á Xunta que expliquen cales son os prazos que se manexan para facer realidade a residencia pública de maiores porque levamos un ano co Partido Popular no goberno municipal e non só este proxecto, senón outros moitos, están parados, mentres María Sampedro e o seu equipo están facéndose fotos e indo de festa en festa.
O exalcalde insistiu en que Ribeira non pode permitirse máis demoras nunha infraestrutura destinada a atender ás persoas maiores e ás súas familias. “O que estamos defendendo é que non queremos que haxa máis demoras. Os veciños e veciñas, especialmente as persoas maiores, necesitan un investimento como esta nova residencia pública de maiores e desde estes grupos non imos deixar de traballar para que sexa unha realidade no prazo máis curto de tempo posible”, concluíu Luís Pérez Barral.


