BNG, PBBI, SR reproban o alcalde de Ribeira e esixen o cumprimento dos acordos plenarios




No pasado mes de outubro de 2020, o Pleno da Corporación Municipal de Ribeira aprobaba unha iniciativa para que o Concello de Ribeira fixese un estudo técnico comparativo independente sobre os diferentes proxectos para construír unha circunvalación no municipio. Dito acordo plenario foi aprobado pola maioría absoluta dos membros da Corporación obtendo 12 votos a favor de BNG, PBBI, Suma Ribeira e PSOE e 9 votos en contra do Partido Popular. Cómpre lembrar que o devandito acordo tiña o visto e prace da plataforma de veciñas e veciños afectados polo proxecto que pretende facer a Xunta de Galiza.

O amplo consenso acadado pola Corporación permitiu ademais incorporar unha emenda feita polo BNG para incluír nese estudo comparativo a reforma e mellora da estrada CP-7301 entre os lugares de Xarás e Frións, facendo que o acordo quedara como segue:

1.-Que se realice un estudo comparativo por parte de persoal técnico cualificado e independente onde se valore cando menos o impacto ambiental, o impacto social, as incidencias no tráfico así como as posibilidades de desenvolvemento futuro de Ribeira nos seguintes casos:
- Proxecto proposto pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galiza. – Proxecto premiado co premio Ovisa no ano 2018.
- Proxecto de mellora da estrada CP-7301 entre os lugares de Xarás e Frións.
2.- Que mentres dure la realización del estudio comparativo anterior, se suspenderá temporalmente el proceso administrativo.


O goberno local procede a consultar a tres empresas –Eptisa, Proyfe e Iceacsa- para a realización dese estudo técnico comparativo resultado seleccionada a empresa Iceacsa. A sorpresa chega cando o pasado 11 de xuño se nos convida á presentación do estudo comparativo que fixo a empresa no que se di de maneira literal “a mellora da estrada CP-7301 descártase e non se inclúe análise multicriterio”. Consideramos que os argumentos dados para descartar do estudo comparativo esa alternativa son imprecisos e subxectivos. Algúns deles son que “está lonxe do núcleo urbano”, dise de maneira subxectiva que “só vai beneficiar á veciñanza do suroeste de Ribeira” cando iso é rotundamente falso ou que “a finalidade desa estrada non é conectar Ribeira coa autovía da Barbanza”.

Desde o BNG, PBBI e SR incidimos na necesidade de facer un estudo no que se valorara a reforma da estrada de Frións para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Os argumentos para defender esta alternativa son sólidos por implicar un menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais. Esta proposta, de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño. Ademais do anterior, as persoas que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano. Esa alternativa formulada polo Bloque xa fora obxecto de debate no Parlamento galego en 2016 na que o Partido Popular mostrara o seu rexeitamento.

A veciñanza recolle nunha semana máis de 1.200 sinaturas
Desde o BNG, PBBI e SR recriminamos a actitude do alcalde de Ribeira por incumprir os acordos plenarios adoptados pola maioría desta Corporación de maneira tan clara e flagrante. A plataforma veciñal ten recollido nos últimos días máis de 1 200 apoios que esixen que se cumpra cun acordo plenario aprobado pola maioría da Corporación e que o goberno local incumpriu. A que intereses responde excluír do estudo comparativo a mellora da CP-7301? Acaso é normal que o goberno local gastara 11.858€ para facer un estudo comparativo independente que incumpre o acordado pola maioría deste Pleno? Vai o Concello de Ribeira pagar un estudo que non realiza o que se pediu?

Moito nos tememos que a exclusión dese estudo sen ningún tipo de argumento sólido, responde aos intereses do Partido Popular para evitar que o trazado proxectado pola Xunta de Galiza se vise prexudicado por algún dos outros. Consideramos que é moi grave que o máximo responsábel de facer cumprir os acordos plenarios como é o alcalde, sexa o primeiro en incumprilos. A plataforma veciñal e os grupos que asinamos esta proposición, esiximos respecto polos acordos que se adoptan e volvemos esixir que haxa un estudo rigoroso que analice o proxecto de mellora da estrada CP-7301 entre os lugares de Xarás e Frións.

Para darlle cumprimento efectivo ao acordo plenario adoptado, o goberno local debe pedirlle á empresa que realice un estudo técnico sobre a mellora da CP-7301 entre os lugares de Xarás e Frións, nos mesmos termos, co mesmo nivel de detalle e precisión que as análises feitas para o proxecto proposto pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade ou para o proxecto galardoado co premio Ovisa 2018.

Por todos os motivos anteriormente expresados, o BNG, PBBI e SR solicitan a adopción dos seguintes ACORDOS:

  • A Corporación Municipal de Ribeira reproba o alcalde, Manuel Ruiz Rivas, por incumprir o acordo plenario tomado o 19 de outubro de 2020 no que se establecía realizar un estudo técnico comparativo independente sobre o proxecto proposto pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, o proxecto premiado co premio Ovisa e o proxecto de mellora da estrada CP-7301 entre os lugares de Xarás e Frións.

  • A Corporación Municipal de Ribeira insta ao alcalde a cumprir cos acordos plenarios.

  • O goberno local de Ribeira debe cumprir co acordo do 19 de outubro e realizar un estudo da CP- 7301 nos mesmos termos que o feito para o proxecto de circunvalación proposto pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade e o proxecto premiado co galardón Ovisa.

  • A Corporación Municipal de Ribeira insta á Xunta de Galiza a establecer un diálogo coa veciñanza afectada polo trazado proposto pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade.

  • Notificar o presente acordo plenario aos grupos do Parlamento de Galiza.


















Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.