BNG, PBBI e SR forzan un pleno extraordinario ante negativa do alcalde a debater sobre a circunvalación




No pasado mes de outubro de 2020, o Pleno da Corporación Municipal de Ribeira aprobaba unha iniciativa para que o Concello de Ribeira fixese un estudo técnico comparativo independente sobre os diferentes proxectos para construír unha circunvalación no municipio. Dito acordo plenario foi aprobado pola maioría absoluta dos membros da Corporación obtendo 12 votos a favor de BNG, PBBI, Suma Ribeira e PSOE e 9 votos en contra do Partido Popular. Cómpre lembrar que o devandito acordo tiña o visto e prace da plataforma de veciñas e veciños afectados polo proxecto que pretende facer a Xunta de Galiza.


O amplo consenso acadado pola Corporación permitiu ademais incorporar unha emenda feita polo BNG para incluír nese estudo comparativo a reforma e mellora da estrada CP-7301 entre os lugares de Xarás e Frións, facendo que o acordo quedara como segue:


  1. Que se realice un estudo comparativo por parte de persoal técnico cualificado e independente onde se valore cando menos o impacto ambiental, o impacto social, as incidencias no tráfico así como as posibilidades de desenvolvemento futuro de Ribeira nos seguintes casos:
    - Proxecto proposto pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galiza. – Proxecto premiado co premio Ovisa no ano 2018.
    - Proxecto de mellora da estrada CP-7301 entre os lugares de Xarás e Frións.

  2. Que mentres dure la realización del estudio comparativo anterior, se suspenderá temporalmente el proceso administrativo.

Tras o incumprimento do acordo plenario por parte do goberno, o BNG, PBBI e SR presentamos unha proposta para esixir o cumprimento íntegro de dito acordo. O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, fixo pública a súa negativa a tratar ese asunto en pleno polo que os tres grupos nos vimos na obriga de “forzar” un pleno extraordinario para tratalo ante o “talante anti democrático” do rexedor.


Desde o BNG recriminamos o “talante antidemocrático” do señor Ruiz, pois como máximo responsábel do Concello, debe defender os intereses da veciñanza de Ribeira por riba dos intereses do Partido Popular. Con esa estratexia covarde, observamos como o señor Ruiz pretende silenciar un tema que ten o apoio de tres grupos da Corporación Municipal e conta co aval de máis de 1.200 sinaturas. Entendemos no BNG, PBBI e SR que impoñer o proxecto proposto pola Xunta, provocará problemas de tráfico no entorno de tres centros educativos, ten custos ambientais maiores ao realizar grandes movementos de terra, terá maior custo social ao afectar a núcleos habitados e propiedades e terá un maior custo económico porque ten que facer unha estrada nova e con algún viaduto.


Desde o BNG, PBBI e SR incidimos na necesidade de facer un estudo no que se valorara a proposta do BNG de reformar a estrada de Frións para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Os argumentos para defender esta alternativa son sólidos por implicar un menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais. Esta proposta, de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño.
Ademais do anterior, as persoas que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano. Esa alternativa formulada polo Bloque xa fora obxecto de debate no Parlamento galego en 2016 na que o Partido Popular mostrara o seu rexeitamento.





Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.