BNG incide con medidas para mellorar transporte público, accesibilidade, seguranza viaria e aparcadoiros

O BNG ribeirense rexistrou a inicio de semana unha iniciativa para garantir a seguridade dos peóns e do tráfico en Ribeira, algo que é moi necesario pois nos últimos meses lévanse producido varios atropelos en pasos de peóns do centro urbano de Ribeira que acabaron con persoas feridas de diversa consideración.

A futura concelleira, Cruz Rivadulla, recrimina a parálise do goberno local “que só actúa cando se lle presiona”, xa que tras ser rexistrada a iniciativa do BNG o pasado luns, o alcalde mandou a brigada de obras pintas os pasos de peóns que estaban nun estado de mantemento moi deficiente. “Bastaba con dar unha volta polo centro urbano de Ribeira ou das parroquias para comprobar que hai pasos de peóns que apenas conservan a pintura (rúa Lepanto, rúa Rafael Dieste, Mariño de Rivera, rúa Canarias, rúa de Galiza, Deán, avenida da Coruña, etc.). Por se fose pouco, a deficiente iluminación dalgúns pasos de peóns implica que polas noites ou cando as condicións meteorolóxicas son adversas, a visibilidade é practicamente nula. Desde o BNG imos máis alá e solicitamos que se realice un plan de seguridade viaria con medidas como o calmado de tráfico que xa se adoptaron con éxito en concellos gobernados polo BNG ofrecendo datos moi positivos cunha baixada de accidentes e de atropelos.

Rivadulla Márquez asegura que en Ribeira se deberían iluminar correctamente os pasos de peóns, pintalos ben e pór en marcha medidas de calmado de tráfico naquelas zonas nas que se rexistran velocidades inadecuadas e perigosas para a seguranza viaria. “O calmado de tráfico supón beneficios claros tales como; redución do risco de morte por atropelo pasando do 50% a 50km/h ao 10% se a velocidade é de 30km/h ou a redución de ruído e da contaminación producida polos vehículos”.

Alegacións PMUS

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, repasou as alegacións presentadas ao Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) para propiciar que o goberno local invirta as prioridades pasando dunha mobilidade contaminante a promover unha mobilidade eficiente a través do tránsito peonil e os medios de transporte públicos. Pérez Barral asegura que hai que rematar coa política de asfalto e máis asfalto, de cemento e máis cemento que promove o Partido Popular porque carece de toda lóxica social e económica, constituíndo máis un desorbitado culto á velocidade, ao automóbil e á comodidade sen límites.

Accesibilidade

Ante os problemas que existen en materia de accesibilidade en practicamente todo o municipio, debido aos obstáculos, anchos de beirarrúa insuficientes, cruzamentos sen adaptar, bordos demasiado elevados, elementos de mobiliario que invaden o itinerario peonil, etc. os nacionalistas propoñen que se faga plataforma única en todas as reformas que se fagan nas rúas agás que existan informes técnicos que o desaconsellen. Tamén promoven a creación dunha guía con criterios básicos que garantan a accesibilidade universal.

Transporte público

Desde o BNG facemos unha forte aposta por mellorar o transporte público solicitando que se habilite faga cumprir o prego de condicións do servizo público que presta Monbus, crear unha tarifa reducida para persoas desempregadas, xubiladas e con mobilidade reducida, habilitar o transbordo que evite o pago de dous billetes entre as persoas que viaxan entre parroquias e sinalizar as paradas e os horarios.

Con respecto a outros medios de transporte cren que A Barbanza, cunha poboación de 66.000 habitantes, precisa incrementar os servizos de transporte público polo que os nacionalistas solicitan estudos da Xunta sobre a viabilidade da conexión ferroviaria así como un estudo de beneficios e custos de establecer unha conexión marítima entre as dúas bandas da ría de Arousa.

Seguridade viaria e aparcadoiros

Desde o BNG solicitamos elaborar un plan e implementar as medidas necesarias para mellorar a seguridade dos pasos de peóns máis transitados e o calmado de tráfico nas estradas con beirarrúas estreitas ou preto dos contornos escolares. Por último os nacionalistas solicitan o rescate do aparcadoiro do Centenario para a súa xestión directa por parte do Concello con tarifas asequíbeis, así como a mellora do firme, iluminación e limpeza dos aparcadoiros disuasorios.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.