BNG e CRMHB reúnense para debater e avanzar nos asuntos ligados coa memoria democrática

Membros do BNG ribeirense e da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza (CRMHB) mantiveron unha xuntanza para tratar diversos asuntos sobre a necesidade de avanzar na eliminación de simboloxía da ditadura e camiñar cara á restitución da memoria democrática no Concello de Ribeira.

Os membros do Bloque trasladáronlle á CMRHB a intención de presentar algunha iniciativa para que o Concello de Ribeira avance na erradicación de simboloxía que aínda perdura da ditadura. Segundo informou o voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas desde hai varios anos o goberno local non fixo nada para eliminar os vestixios que aínda quedan no municipio e non son poucos. Vázquez Cobas detallou que aínda existen lavadoiros con símbolos totalitarios, distincións a militares golpistas como José María Rivera de Aguilar e Fernando Suárez Tangil como fillos adoptivos e mesmo rúas a falanxistas declarados como Diego Delicado ou Rodríguez Bautista.

Tanto os membros da CRMHB como o BNG concordaron en que isto é unha completa anormalidade pois, nunha sociedade con principios democráticos, non pode haber cabida para que haxa honras e distincións a membros que participaron e apoiaron a ditadura que tanta represión causou e tantos asasinatos provocou. “Que se manteñan en 2021 estas honras e distincións deixa en evidencia que hai que seguir traballando para que desmantelar os privilexios e favores da ditadura” agregou Cobas.

Vázquez lembrou como outros concellos e colectivos seguen facendo traballo como por exemplo na Coruña para recuperar a Casa Cornide ou en Santiago para recuperar as estatuas de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria ou o grande logro do pobo galego de recuperar o Pazo de Meirás.

Desde o Bloque démoslles os parabéns á CRMHB polo traballo tan necesario que están a realizar e ficamos á súa disposición para colaborar en todo o que puideren precisar. A xuntanza foi virtual para cumprir coas normas sanitarias e participaron os concelleiros Xosé Vázquez Cobas, Luís Pérez Barral e a responsábel de Acción Social do BNG Cruz Rivadulla Márquez e os membros da CRMHB Celia Pillado, Pili Pereiro e Xulio Ageitos.

Un comentario en «BNG e CRMHB reúnense para debater e avanzar nos asuntos ligados coa memoria democrática»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.