BNG atende as demandas veciñais sobre seguridade viaria, internet e limpeza nas Carolinas e Deán

O BNG vai trasladar ao Pleno do Concello de Ribeira a demanda “histórica” da veciñanza das Carolinas, para que instalen unha beirarrúa na rúa Sidreiras que garanta a seguranza viaria dos peóns.

Os concelleiros do BNG, Xosé Vázquez, Luís Pérez e a responsábel de Acción Social, Cruz Rivadulla, explicaron como en novembro do 2017, os veciños e veciñas da rúa Sidreiras retomaban a reivindicación para que o Concello de Ribeira fixese unha beirarrúa da que hai un proxecto elaborado desde hai máis de 10 anos. Esta reivindicación foi trasladada por parte da veciñanza en múltiples ocasións e desde entón o goberno local nada fixo.

Cobas recrimínalle ao señor Ruiz a desidia para atender as demandas veciñais, sobre todo cando os veciños e veciñas das Carolinas e de Deán teñen que andar polo medio da estrada, co conseguinte perigo para a súa propia seguridade e tamén para a dos condutores e condutoras. “Este feito mostra, unha vez máis, como as zonas rurais para o Partido Popular só importan para ir coller votos, o resto do tempo son esquecidas”.

BNG demanda nova pavimentación

Alén de solicitarmos que se atenda a proposta veciñal para a construción dunha beirarrúa, demanda a pavimentación ante o deterioro que sofre o firme actual. “É unha estrada moi transitada que une a zona do Caramecheiro con Deán e non pode ser que estea nunhas condicións tan lamentábeis” aclarou Cobas.

Para o Bloque tamén é urxente renovar o firme ante o tránsito que se rexistra e tamén por mor  do paso diario dos autobuses escolares. A estrada nas condicións actuais é un autentico perigo para as veciñas e veciños que ademais teñen falta total de visibilidade pola estreitura da estrada e na curva moi perigosa do trazado, conclúen.

Mellora da conexión á internet e limpeza

Desde o BNG facémonos eco tamén doutras demandas que son importantes no día a día da veciñanza. Consideran que non pode haber discriminacións, especialmente cando falamos da educación a distancia ou do teletraballo polo que reiteran a necesidade de que o Concello de Ribeira non fique de brazos cruzados antes os problemas que algúns veciños e veciñas teñen coa internet. O edil Luís Pérez Barral asegurou que “o concello debe solicitarlle ás compañías a mellora da conexión e rematar coa discriminación que se produce no rural fronte as zonas urbanas para garantir un servizo igual independentemente de onde se viva”.

Por último, pero non menos importante, Pérez Barral enumerou as carencias na limpeza en rúas e cunetas nas Carolinas e en Deán ao considerar que se pode mellorar o servizo que se presta nesta zona. Do mesmo xeito, pedirán que se instalen algunhas papeleiras máis en determinadas zonas como o paseo de Coroso ou na avenida da Coruña.

Un comentario en «BNG atende as demandas veciñais sobre seguridade viaria, internet e limpeza nas Carolinas e Deán»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.