Barral valora positivamente que a Axenda Urbana 2030 de Ribeira inclúa moitas propostas do BNG

O Pleno de Ribeira aprobou por unanimidade hoxe o Plan da Axenda Urbana 2030 que busca, partindo da singularidade propia do concello de Ribeira, dar resposta aos retos de futuro e combater o cambio climático.

A Axenda Urbana 2030, debe marcar os obxectivos para cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel marcados a nivel internacional para evitar un cambio climático cada vez máis extremo. Marca 10 obxectivos estratéxicos como son: Ordenación e protección do territorio, revitalización urbana, redución dos impactos do cambio climático, xestión sostible dos recursos, mobilidade sostíbel, fomento da cohesión, impulso da economía, garantir o acceso á vivenda, fomento da innovación dixital e mellora da gobernanza e participación.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, valorou positivamente que moitas das 60 accións e 11 proxectos estratéxicos recollidos no documento teñen sido propostas que o Bloque defendeu con múltiples iniciativas plenarias. “Acollemos con especial importancia a inclusión de accións como a creación de zonas verdes, a protección do patrimonio ribeirense como protexer Cerqueira como propuxeramos en 2021, impulsar o transporte público e mobilidade sustentábel, xerar enerxía renovábel coa que abaratar os gastos enerxéticos ou garantir a participación veciñal foron defendidas polo BNG en múltiples ocasións”.

Pérez Barral declarou que o Plan é correcto grazas ás múltiples achegas pero advertiu que “o principal problema ao que se pode enfrontar é o propio goberno local por ser incapaz de executalo e por levar anos facendo o contrario do que deberían”. Segundo o voceiro nacionalista  “os feitos falan e o que din é que Ribeira ten un goberno incapaz de resolver problemas e sacar proveito das potencialidades que ten a localidade”. Barral cre que será o seguinte goberno o que teña que aplicar o plan e asegurou que o BNG está á altura do que a veciñanza demanda. “Temos que desenvolver as potencialidades de Ribeira só fai falta un goberno disposto a confiar e a traballar para avanzar e construír unha Ribeira mellor” finalizou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.