Apróbase por unanimidade a proposta do BNG para mellorar o transporte público

Resumo dos temas tratados no pleno ordinario de outubro de 2021:


Proposta do BNG para mellorar os problemas de transporte público

Ante o malestar crecente polo mal funcionamento do transporte público, sen que os responsábeis da Xunta de Galiza ou do Concello de Ribeira fixesen nada por resolvelo, o BNG emprendeu a comezos de outubro unha campaña para que se buscasen solucións a todos os problemas que había no transporte público en Ribeira. Desde o BNG  tomamos cartas no asunto e rexistramos senllas iniciativas no Parlamento e no Concello para evitar que as persoas usuarias seguisen padecendo atrasos, buses masificados aos que non poden subir, autobuses que non pasan ou unha falta de información xeneralizada, entre outros problemas.

A recollida de sinaturas obtivo un forte apoio popular ao acadar máis de 500 sinaturas en menos de dez días polo que mostramos o noso agradecemento ás persoas que contribuíron coa súa sinatura. O concelleiro ribeirense, Luís Pérez Barral, cre que “o masivo apoio que tivo a proposta provocou a reacción das administracións para comezar a atallar un problema ao que lle hai que buscar solución”.

Pérez Barral cre que sen ese amplo apoio social onte non se tería aprobado en pleno, por unanimidade, a proposta do BNG que pedía atallar os problemas que hai no transporte. Segundo o concelleiro nacionalista, o transporte público é un servizo esencial para garantir que as persoas poidan desprazarse no territorio, poidan acudir ao traballo ou mesmo ao médico pero tamén debe ser unha prioridade coa que contribuír a reducir o uso do vehículo privado e reducir a contaminación atmosférica. Desde o BNG apuntan a que se debe apostar polo transporte público porque, sen dúbida, tamén melloraría o caos de tráfico e a falta de estacionamentos que actualmente Ribeira padece por mor da mala planificación feita polo Partido Popular.

Autobuses escolares ateigados e insuficientes

O servizo compartido, onde nas horas escolares os nenos e nenas que se dirixen ou volven dos centros escolares poden viaxar xunto con outras persoas usuarias, non debería ser un problema. Os autocares ocúpanse na súa totalidade con escolares provocando, na práctica, que as persoas que desexan coller o autobús non poidan facelo facendo que deban agardar ao seguinte autobús porque o que pasa vai con todas as súas prazas cubertas. Alén do anterior, os autobuses non teñen a capacidade para trasladar a todo o alumnado polo que é habitual que unha parte da mocidade que vive en Corrubedo, Olveira ou Artes teña que agardar para poder ir para a casa ao autobús que vén da Pobra. Este caso tamén se dá de maneira ocasional coa mocidade que vive en Aguiño.

Atrasos e autobuses que non pasan

Tanto as persoas usuarias como o propio persoal da empresa de transporte nos teñen trasladado ao Bloque que os autobuses se atrasan ou mesmo non chegan a pasar nos horarios indicados por Monbus porque o tempo estipulado para facer o servizo é totalmente insuficiente. Dous exemplos ilustrativos son o traxecto Ribeira-Noia que, segundo o horario establecido por Monbús, faise en 45 minutos, algo imposíbel para un autobús ou o traxecto Aguiño-A Pobra do Caramiñal que sofre considerábeis atrasos nas horas punta, dado o maior volume de vehículos que hai na estrada.

Falta de información e accesibilidade

As persoas usuarias do transporte público transmitíronlle queixas ao BNG sobre a falta de información xeneralizada sobre as rutas e paradas, as marquesiñas carecen de horarios e a caseta de información da compañía nunca ten persoal de atención ao público. Segundo Pérez Barral, outro dos problemas importantes é a retirada de todos os autocares urbanos que prestaban servizo porque os actuais, máis altos e con máis escaleiras, está provocando serios inconvenientes a persoas maiores, persoas que presentan algún grao de discapacidade física ou mesmo a calquera persoa cun carro de crianza ou de compra.

O BNG pasará a elevar as sinaturas e o acordo plenario ao Parlamento e á propia Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade e estarán vixiantes de que a concesionaria e as administracións implicadas verifiquen que se cumpren as condicións dos pregos.

Os puntos aprobados cos votos a favor de todas as formacións da Corporación Municipal foron os seguintes:

A) O Concello de Ribeira colocará os horarios en todas as marquesiñas e paradas do municipio.
B)O Concello de Ribeira trasladará todos os problemas mencionados a Monbus e instaráa, como concesionaria do servizo de transporte público, a cumprir cos horarios e coas condicións do contrato, garantir a atención ao público de maneira presencial e resolver todos os problemas que se lle trasladen desde o Concello.
C) O goberno municipal do Concello de Ribeira informará na Comisión Informativa de Mobilidade e Seguridade Cidadá así como en sesión plenaria do resultado das xestións e acordos acadados coa Xunta de Galiza e a concesionaria do servizo no prazo máximo de dous meses.
D) A Corporación Municipal de Ribeira insta á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade a estudar os problemas que se están a rexistrar no transporte público en Ribeira, adoptar todas as medidas oportunas que garantan o cumprimento das condicións do contrato e, de ser o caso, interpoñer as sancións oportunas por incumprimento as devanditas condicións.

Proposta aprobada por unanimidade


Repetición da votación da moción do BNG en defensa do ensino público

No pleno de setembro o Bloque levara a pleno unha proposta para pedir a fin dos recortes educativos, pero cando se fixo a votación, o alcalde non computou os votos de varios concelleiros e concelleiras do PBBI alegando que non levantaran a man porque non estaban atentos. Nas imaxes captadas pola gravación, vense un mínimo de 9 concelleiros e concelleiras votando a favor da proposición do BNG en contra dos recortes educativos e quedaría un empate cos 9 en contra do PP, polo que habería que repetir a votación como marca a lexislación. O alcalde, nun golpe autoritario, decidiu non repetir a votación, expulsar a un edil do PBBI e só contabilizar 5 votos a favor de BNG, PSOE e SR e os 9 en contra do PP facendo que a proposta decaera.

Ante este atropelo democrático, o BNG pediulle ao secretario municipal e ao alcalde que no seguinte pleno se repetise a votación polo que tivo que volver a pleno e finalmente foi aprobada cos votos a favor de BNG, PBBI, PSOE, SR e cos votos en contra do PP.

A moción tiña a seguinte exposición:

A Consellaría de Educación está a consumar recortes brutais no ensino público fechando unidades, reducindo profesorado e eliminando materiais en colexios e institutos. Temos que denunciar que está habendo unha planificación de desmantelación do ensino público que, na práctica, tradúcese en drásticos recortes de persoal docente, incremento desmesurado das proporcións de alumnado por clase, perda de oferta educativa e abandono definitivo da atención á diversidade e minguar a calidade educativa en xeral.

Desde o Bloque denunciamos que o Partido Popular notificou os recortes de persoal en plena época vacacional para evitar as mobilizacións e unha vez rematado o período lectivo, o período de matriculación e coa planificación feita por parte das direccións dos centros educativos. A Consellaría aduce que o recorte prodúcese porque o curso que vén de rematar foi excepcional por mor da crise sanitaria e o que cómpre agora e volver aos niveis de persoal pre-covid nos centros. “Mais ningunha das dúas cousas é certa” desvelou o edil, Luís Pérez Barral. “Nin existiu tal excepcionalidade na dotación de profesorado no curso 2020-2021, nin tampouco agora se está a volver ao nivel dos cursos anteriores senón que se está a destinar aos centros un número menor de docentes que nos anos anteriores á pandemia” apuntou.

Os recortes son gravísimos e a falla de respecto que se está a ter cara o traballo realizado polas direccións dos centros e polo conxunto do profesorado evidencia claramente a nula vontade de diálogo e unha absoluta falla de sensibilidade cara ás situacións que se viven en cada centro. O menosprezo que sofren as familias e o propio alumnado que, unha vez rematado o curso e tendo xa realizada a súa matrícula, quedan agora a expensas de que as decisións unilaterais da Consellaría condicionen as súas previsións. E nun momento, o verán, no que o que se ten en conta é a dificultade de organización dos pais e nais para mobilizarse ou decidiren accións conxuntas de reivindicación e/ou de protesta.

O IES Nº1 de Ribeira é un centro que supera os 600 alumnos e alumnas, que imparte ESO, ESA, bacharelato diúrno e nocturno, alfabetización de adultos, que alberga, ademais, nas súas instalacións unha delegación da Escola Oficial de Idiomas e vén sendo referencia na comarca dende hai moitos anos. É un centro que ten un cadro de docentes que chega ás 72 persoas e ao que, con data de 26 de xullo, se lle comunica que a dotación será de 66 para o novo curso. Seis profesores e profesoras menos do que lle corresponde e dez menos que no curso 2020-2021. A maiores, unha praza de PT na que o seu titular vén de xubilarse e que, nestes momentos, está sen confirmar, aínda coñecendo a administración educativa que o centro conta con máis de corenta nenos e nenas con dificultades educativas.

O recorte que pretende aplicar o goberno de Núñez Feijóo, de non rectificarse, implicará graves consecuencia á organización definitiva do centro, ao alumnado e, evidentemente, provocará unha perda importante de calidade educativa. As consecuencias máis inmediatas serán; aumento de proprcións con aulas de de 28 alumnos, perda de agrupamentos en 1º e 2º de ESO, menor atención á mocidade que ten diversidade e dificultades, redución das materias optativas, eliminación da oferta de alfabetización de adultos e unha diminución da atención ás necesidades educativas especiais e ao alumnado con dificultades se se confirma a perda dun/ha profesional de PT.

Con esta decisión, a Consellaría de Educación é reincidente no concello de Ribeira, xa que tamén anunciou importantes recortes no CEIP de Palmeira, Artes, Aguiño, Deán ou Carreira e cun modus operandi practicamente idéntico no que aplica un recorte de dúas unidades nese centro educativo. A Xunta de Galiza debe rectificar porque as decisións que está tomando provocan un deterioro do ensino público e é imprescindíbel e urxente que estableza canles de diálogo coa comunidade educativa galega para evitar o malestar que está a crear e que medra segundo se vai coñecendo a irracionalidade e a falla de xustificación dunha política que, ademais de destruír emprego, incide negativamente no funcionamento dos centros, aumenta as carencias do sistema educativo e crea aínda maiores desigualdades.

Recortes xeneralizados nos centros educativos

Os recortes confirmados en Ribeira a día de hoxe son de 11 profesores no IES Nº1, a redución de dúas unidades no colexio de Palmeira, o recorte dun profesor no colexio de Aguiño e medio dun profe de apoio, 1 profe no cole de Deán e 1 profe no cole de Carreira ao que cómpre engadir que no colexio de Artes hai vacantes que non se cobren. De feito o concelleiro nacionalista, Pérez Barral, recriminou que durante os gobernos do PP en Galiza rebaixouse un 5% os investimentos en profesorado para o ensino público mentres creceu a partida destinada a profesorado no ensino concertado e privado un 5,5%.

Cese da concelleira de Educación en Ribeira

O concelleiro, Luís Pérez Barral, expuxo que no BNG resulta de gravidade extrema que o alcalde se poña de perfil ante estas circunstancias e apoie os brutais recortes que pretende aplicar a Consellaría de Educación nos centros educativos de Ribeira. “Cómpre lembrar que o alcalde, como máximo responsábel do Concello, debe defender os intereses da veciñanza de Ribeira por riba dos intereses do Partido Popular” recriminou Barral.

“Lamentabelmente, unha vez máis, vemos que o alcalde claudica ante os ataques que o seu propio partido, o PP, fai aos servizos públicos. Preguntámonos tamén que é o que fixo a concelleira de Educación até o momento para defender os centros educativos do concello de Ribeira, porque non temos constancia de que en ningún momento saíse publicamente a apoiar as xustas demandas da comunidade escolar, tanto do colexio de Palmeira como do Instituto Nº1”. Malia que o goberno local incumpre de maneira sistemática a convocatoria do Consello Escolar Municipal de Ribeira –regrado nunha reunión cada 3 meses- é rechamante que a responsábel desa área municipal non se convocase o Consello Escolar nin tratar asuntos tan importantes como as necesidades de cada centro para afrontar a pandemia, a coordinación entre os centros e o concello, etc.

 

Outros asuntos:

1.Modificación das ordenanzas fiscais: o PP e o PSOE aprobaron a modificación das ordenanzas fiscais que prevén aumentar un 23% a taxa pola retirada de vehículos da vía pública e tan só rebaixar un 2% o imposto de vehículos e un 9,23% a taxa de saneamento e depuración.

Desde o BNG entendemos a minoración xeral proposta non é suficiente, por iso presentamos unha emenda que foi rexeitada cos votos de PP e PSOE. Malia que hai fondos suficientes para facer rebaixas importantes pero o goberno local prefire facer caixa cunhas taxas e impostos, claramente abusivos, que lle cobra á veciñanza neste momento de crise económica”. Barral votou man dos datos para explicar os motivos que levan ao Bloque a propoñer rebaixas e bonificacións importantes. Detallou que o Concello de Ribeira vaille cobrar á veciñanza 4.650.000 euros en concepto de auga, saneamento, lixo e sumidoiros mentres, outras taxas e impostos que non lle afectan á veciñanza, se manteñen en niveis mínimos como por exemplo a que grava o uso de terreo público por parte das compañías eléctricas e telefónicas da que só se prevé ingresar 265.000 euros.

A emenda do BNG propoñía reducir un 20% a taxa de saneamento e depuración por ser “tarifazo abusivo” e formulan incrementar a bonificación a colectivos vulnerables un 10%, pasando da exención do 50 ao 60% da taxa. Con respecto á subministración de auga potable, proponse crear unha bonificación dun 30% para familias numerosas e establecer o consumo por tramos (reducido, medio e xeral) para fomentar que aquelas persoas que reduzan o consumo de auga poidan pagar menos.
Por outra banda, propoñiamos a rebaixa xeral do imposto de vehículos un 2% e aumentar a bonificación para vehículos eléctricos, híbridos e de baixas emisións pasando da bonificación dun 50% durante os 5 períodos impositivos seguintes ao da súa matriculación, a tela durante un período de 7 anos.

Por último considerabamos necesario manter o prezo actual pola retirada de vehículos na vía pública e recriminan que o PP queira subir un 23% esta taxa. Ribeira ten pouco aparcadoiro e, en vez de facilitar espazos onde deixar o coche, o goberno local quere actuar á brava aplicando un tarifazo a quen lle leve o coche o guindastre.

Aprobado cos votos a favor de PP, PSOE, abstención de PBBI, SR e votos en contra de BNG.

2. Aprobación definitiva dos orzamentos 2021. O PP e o PSOE desestimaron a alegación presentada por un sindicato para mellorar as condicións laborais do persoal público e aprobaron o Orzamento de maneira definitiva cos votos en contra de BNG, PBBI e abstención de SR.
Posición do BNG ante os Orzamentos de 2021 para o Concello de Ribeira

3. Cesión do edificio “Hesta Kurva” situado nas Saíñas, á Consellaría de Política Social para construír unha nova residencia pública de maiores. Con esta cesión dáselle cumprimento a a un acordo plenario aprobado por unanimidade trala iniciativa do BNG na que se pedía crear unha nova residencia de maiores no noso municipio.
Aprobado por unanimidade

4. Modificación orzamentaria para destinar 20.000 euros ao proxecto de Rally de Ribeira. O goberno local apenas facilitou información aos grupos pero entendemos que non podemos opoñernos a un proxecto que pode ser economicamente rendíbel para moitos negocios do municipio e pode atraer turismo ao concello.
Aprobado cos votos a favor de PP, PSOE, PBBI, abstención de BNG e voto en contra de SR.

5. Devolución da garantía de 118.480 euros a Ana Naya tras finalizar o contrato de prestación do servizo de escola infantil. Aprobado por unanimidade

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.