Aprobadas as propostas do BNG para mellorar o transporte público e a seguridade viaria

Resumo dos temas tratados no pleno celebrado o 26 de outubro de 2020

Proposta do BNG para garantir un bo servizo no transporte público: o transporte público viuse afectado tamén pola pandemia da Covid-19 o que obrigou a redución de frecuencias e extremar as medidas de protección. Mais coa volta á “nova normalidade” do servizo as usuarias e usuarios atopáronse cunha importante redución das frecuencias e nalgúns casos coa supresión de itinerarios:

Liña RibeiraAguiño: antes había un servizo cada trinta minutos, agora cambiouse por frecuencias de unha hora ou máis e suprimiuse o itinerario que ía pola Graña-Vixán-Capela. Tres pola mañá e dous pola tarde.
Liña RibeiraCastiñeiras-Aguiño: suprimironse os circulares pola tarde
Liña RibeiraPalmeira-Pobra: as frecuencias eran de media hora ou de quince minutos nas horas punta, agora todas aumentaron.
Liña RibeiraCorrubedo: había un servizo cada corenta minutos, agora cada hora, dúas ou tres..
Liña RibeiraNoia: o servizo pasou de ser cada hora a unha ou dúas horas.

Estes son só uns exemplos de como a “nova normalidade” empeorou uns servizos que xa eran limitados máis agora agudizáronse esas limitacións que afectan aos sectores máis vulnerábeis: os maiores e a mocidade. Desde o BNG recriminamos que o goberno municipal non teña velado porque a normalidade fose efectiva neste servizo que é imprescindíbel para moita veciñanza de Ribeira e das parroquias. É necesario que o concello, que ten subscritos os acordos do PlanMove coas empresas,  supervise o cumprimento das concesións no seu termo municipal, asegurando así, que o transporte público atenda as necesidades de desprazamento da veciñanza e cumpra tamén a súa función social.

Tamén consideramos necesario que o Concello de Ribeira camiñe cara a un transporte público máis verde e eficiente reducindo as emisións con autobuses de baixas emisións, accesíbeis e cunha maior limpeza e desinfección.

No que ten a ver coas infraestruturas que son competencia municipal, caso das paradas e marquesiñas, é preciso un plan que mellore a localización liberándoas de obstáculos e sinalizandoas mellorando a accesibilidade, a información  dos itinerarios, frecuencias e horarios. Cremos que é necesario “singularizar” algunhas paradas que, pola súa localización son moi frecuentadas e requiren maior dimensión e estabilidade. Este é o caso da que esta na Avenida da Coruña preto da rotonda de Padín, a do ISM, mellorar a así como mellorar a da Praza do Centenario.

A iniciativa do BNG contou co voto favorábel de toda a Corporación Municipal e aprobouse por unanimidade:

1 Instar á concesionaria a ir recuperando as frecuencias, liñas e horarios.
2 Instar á Xunta a que inclúa a Ribeira nas meidas para incentivar o uso do trasporte público contempladas no transporte metropolitano. O Concello de Ribeira velará para garantir unha boa prestación deste servizo fundamental para toda a veciñanza.
3. O concello colaborará e supervisará, tal como ten feito con outras actividades, no cumprimentos dos protocolos COVID no transporte público de Ribeira. Con atención especial as instalacións que son da súa competencia, paradas, marquesiñas.
4 As infraestruturas dependentes do Concello de Ribeira, nomeadamente as paradas, deben ser melloradas en accesibilidade, limpeza, sinalización e información de frecuencias, liñas e horarios. Comprometendo para elo unha partida orzamentaria de ser preciso.
5 Coa finalidade de facer unha cidade máis amable, limpa e habitable, o goberno municipal emprenderá aquelas accións tendentes á redución de  contaminación e de emisións no transporte público de Riveira que recomenden o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACE).

Proposta do BNG para aplicar medidas de calmado de tráfico: o concelleiro Luís Pérez Barral, exemplificou a iniciativa co que acontece na estrada de Aguiño-Castiñeiras-Ribeira, Aguiño-Carreira ou mesmo na Avenida de Ferrol un dos principais accesos a Ribeira desde a rotonda de Xarás cun fluxo de tráfico moi importante. Segundo Pérez Barral “malia que o tráfico é constante, non é estraño ver como moitos vehículos circulan a unha velocidade maior da máxima permitida que é de 50 km/h”. Argumenta que dita estrada atravesa núcleos urbanos cunha gran densidade de poboación, polo que ven necesario tomar medidas que melloren a seguridade viaria tanto para as persoas que se desprazan en vehículos como para as persoas que o fan a pé.

Desde o BNG cremos que en Ribeira se deberían poñer en marcha medidas de calmado de tráfico naquelas zonas nas que se rexistran velocidades inadecuadas e perigosas para a seguranza viaria. Claros exemplos son os dous pasos de peóns que están máis próximos á rotonda de Padín, moi empregados polos veciños e veciñas e nos que se rexistra o paso de vehículos a velocidades inadecuadas. O calmado de tráfico nesta zona suporía beneficios claros tales como; redución do risco de morte por atropelo pasando do 50% a 50km/h ao 10% se a velocidade é de 30km/h ou a redución de ruído e da contaminación producida polos vehículos.

Aprobado por unanimidade

Festivos locais para 2021: os dous partidos de dereitas da Corporación Municipal, PP e PBBI uníronse para tumbar o acordo plenario aprobado en 2015 no que se estipulaba “que o Concello de Ribeira declarese, a partir de 2016 e de xeito permanente, agás cando coincida en domingo, o 24 de xullo, Día da Festa da Dorna, festivo local”. Ambos partidos racharon os acordos e declararon o 16 de xullo, Virxe do Carme, e o 16 de febreiro, martes de entroido.

Dende o BNG rexistramos unha emenda para manter os festivos locais do ano 2021 no martes de Entroido e no 24 de xullo como Día da Festa da Dorna. Coa presentación da emenda, queriamos fomentar todas festas por igual, evitando calquera tipo de discriminación e garantindo o interese xeral da veciñanza. Así pois, optabamos por darlle o festivo local ás dúas primeiras e potenciar a programación de actividades lúdicas para todas as idades no caso doutras festas como as da patroa, a virxe do Carme ou as festas que se celebran nas parroquias do municipio.

Segundo explicou o o voceiro, Xosé Vázquez Cobas, “no Bloque temos claro que os actos relixiosos do día da patroa ou da Virxe do Carme deben ser realizados cando a Igrexa o estime oportuno, pois como respresentantes públicos cremos que debe existir unha separación entre as administracións públicas e a relixión”. No exercicio das nosas responsabilidades, debemos respectar os sentimentos relixiosos mais tamén é preciso mirar polo interese xeral da poboación e dos sectores comerciais que tan mal o están a pasar por mor da pandemia provocada pola Covid-19.

No Bloque estimabamos axeitado seguir celebrando tanto o martes de Entroido como o 24 de xullo por tradición e por ser festexos referenciais a nivel comarcal e galego. O martes de entroido supoñía uns ingresos económicos vitais para o comercio e hostelaría locais e tamén desde o punto de vista social é moi importante ao participar nela asociacións e centos de persoas coas murgas, disfraces, etc. mentres que, declarar a Festa da Dorna festivo local, permite que moita veciñanza do municipio poida descansar e gozar dos actos do día grande deste festexo.

Festivos declarados para 2021: 16 de xullo, Virxe do Carme, e o 16 de febreiro, martes de entroido cos votos a favor de PP e PBBI e votos en contra de BNG, PSOE e SR

Outros asuntos:

Modificación das ordenanzas fiscais: a principal novidade para este ao é que o imposto de vehículos de tracción mecánica, popularmente coñecido como rodaxe, baixará un 3%. Desde o BNG defendemos que este é o camiño a seguir para evitar que a veciñanza poida ver aliviada a súa presión fiscal nun momento de grandes dificultades. Desde o Bloque criticamos o tarifazo que padece a cidadanía por culpa do sistema de saneamento escollido no seu día polo PP, sistema que sempre contou co posicionamento contrario do BNG por ser caro e causar problemas. Vázquez Cobas reclamou medidas para aplicar rebaixas no recibo do saneamento como as presentadas polo BNG cando se aprobou esa taxa (medidas do BNG).

Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR

Reequilibrio económico da escola infantil municipal. Votos a favor de PP, BNG, SR e contra de PBBI e PSOE

Mellora da seguridade viaria na Avenida da Coruña. Aprobado por unanimidade

Comunicado da Corporación Municipal asinada por PP, PBBI, PSOE, SR e co consentimento do BNG, para manifestar a necesidade de máis efectivos de policía para Ribeira

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.