Aprobadas as novas taxas do Mercado e os pregos para licitar novos postos

Estes foron os temas tratados no pleno ordinario do mes de xaneiro de 2017

– Aprobación pregos económicos e administrativos para a concesión dos postos do Mercado Municipal e modificación das taxas: cada posto do Mercado Municipal de Ribeira adxudicaranse para quen faga a oferta económica máis vantaxosa. Desde o BNG fixemos unha emenda para ampliar o prazo para a presentación de solicitudes que foi tida en conta e será de 30 días.

No relativo ás taxas tamén se aprobou a emenda do BNG na que se solicitaba que pagasen a luz só os postos que tivesen neveiras.
Con respecto aos prezos que se pretenden aprobaron habería uns déficits de 17.300€ do Mercado Municipal de Palmeira e outro de 52.800€ do Mercado Municipal de Ribeira, en total arredor duns 70.000€/ano que o Concello de Ribeira deberá asumir. Desde o BNG queremos deixar claro que os Mercado Municipais son un servizo público e defendemos esta condición polo que defendemos unhas taxas pequenas, non entendemos os grupos políticos de C’s e PSOE quixeran subir os prezos que se lle cobran ás praceiras e praceiros, xa que isto levaría a botar o peche a moitas. No Bloque pensamos que esas perdas que asumirán as arcas municipais non serán tan importantes se conseguimos que se xeren postos de traballo e dinamización nestas instalacións públicas. 


A cousa queda do seguinte xeito para a planta baixa do Mercado Municipal de Ribeira: postos pechados sen almacé 155€/mes e 175€/mes para os que teñan almacén + luz. Postos abertos entre 110€/mes o máis barato e 140€/mes o máis caro + luz das neveiras. O servizo de xeo será de 30€/mes. Para o Mercado Municipal de Palmeira será: postos pechados 70€/mes e postos abertos 18€/mes.


Desde o BNG reclamámoslle ao goberno local que traballe en actividades de dinamización comercial nos mercados municipais para conseguir que haxa un maior fluxo de xente, máis aló de épocas puntuais. Do mesmo xeito o BNG solicitou mellorar o mantemento das infraestruturas existentes e que se subsanen eivas detectadas como no caso de Palmeira onde hai lousas que se moven, problemas de humidades e filtracións.


Votos a favor: PP, BNG, PSOE, IPR, C’s e 3 edís non adscritas/os.


- Proposta do BNG para a realización dun estudo hidrolóxico: o concelleiro Xosé Vázquez Cobas explicou que o que se pretendía con esta proposición era detectar e poñer remedio aos danos que a acción humana está a infrinxir ao longo do traxecto de canles e leitos dos ríos e regatos que percorren o noso concello, para o que solicitaba en nome do BNG:


A) Que o departamento de Medio Ambiente do concello de Ribeira faga un estudo de cada un dos ríos e regatos do concello centrado nos seguintes aspectos: 1.Detección dos focos de contaminación. 2.Modificacións das súas canles e leitos.
B) Que se remita aos grupos municipais antes do verán, un informe detallado do estado da rede hidrolóxica do concello que inclúa as anomalías e incidencias detectadas, así como as causas e posíbeis solucións.
Malia que se podería facer un estudo detallado desde o concello de Ribeira aprobouse a emenda presentada polo PP que desvirtúa a proposta inicial do BNG xa que só pide instar a Augas de Galiza e non é seguro que se vaia facer, e no caso de realizarse só será dos máis importantes e non de todos. A emenda di o sguinte:


Instar a Augas de Galiza como autoridade competente a que, de non existir xa, realice un estudo dos ríos e regatos máis importantes do noso municipio, con especial atención na detección dos focos de contaminación e modificación das súas canles e leitos e as súas posíbeis solucións, e que nos sexa remitido este análise co obxecto de ser estudado polos grupos da Corporación Municipal a efecos de poder actuar alí onde a administración local sexa competente.


A emenda do PP foi aprobada cos votos a favor de PP, PSOE, IPR, C’s e 3 edís non adscritas, votos en contra do BNG.


- Proposta do BNG para garantir a subministración eléctrica e solicitar a creación dunha tarifa eléctrica galega: o concelleiro Antón Parada Fernández solictaba que ante a pobreza enerxética que existe débense aplicar medidas que eviten os cortes de enerxía no inverno. O Estado español defende os incrementos de luz por mor dun suposto déficit tarifario mais a realidade é que as eléctricas cada ano obteñen maior beneficio.
O BNG solicitaba realizar as modificacións normativas para garantir o subministro enerxético ás familias que padezan pobreza enerxética, instar ao goberno a que se prohiban os cortes de enerxía de maneira unilateral e tamén permitir a crear unha tarifa eléctrica galega, debido a que Galiza é produtora excedentaria de electricidade para poder abaratar un 30% o custe de electricidade no consumo doméstico e empresas.


Moción completa: Subministración e tarifa eléctrica galega
Votos a favor: BNG, PSOE, 1 edil non adscrita, votos en contra do PP, C’s e 1 edil non adscrito e abstención de IPR e 1 edil non adscrita.


Outros asuntos:
- Acórdase mellorar a limpeza das instalacións deportivas da Fieiteira a raíz dunha solicitude do BNG.
- Imposición de penalidades a Ferrovial, concesionaria do alumeado público: o concello de Ribeira vai abrirlle un expediente a Ferrovial polo deficiente cumprimento no contrato do alumeado público. Este expediente vén motivado polo apagón xeneralizado que houbo o día de fin de ano. Aprobado por unanimidade – Reclamación intereses de demora de Urbaser: a empresa concesionaria do servizo de limpeza solicítalle 27.347€ en intereses de demora no pagamento das facturas ao Concello de Ribeira. O pleno da Corporación Municipal denegoulle esta reclamación porque os pagamentos das facturas fixéronse en tempo mediante o mecanismo de pago a provedores que habilitou o goberno do Estado. Ademais do anterior ao acollerse a este método de pagamento o contratista conleva a extición da débeda contraída e a reclamación de intereses. Aprobado por unanimidade non aceptar esta reclamación.
- Aprobada a proposta para publicar as mocións aprobadas na web municipal, dar conta, trimestralmente, na comisión informativa de Administración Pública e Relacións Institucionais, do estado das mocións aprobadas e elaborar un informe anual que explique os motivos polo que non se levaron a cabo daquelas que foron aprobadas. Tamén se aprobou que a veciñanza e colectivos interesados poidan solicitar telematicamente información do grao de cumprimento dunha determinada moción. – Aprobada por unanimidade a proposta para solicitarlle a Portos de Galiza que non cobre taxas por actividades lúdicas que realice o Concello de Ribeira no seu terreo.
- Acórdase falar coa Deputación da Coruña para facer as xestións oportunas coas persoas propietarias da vivenda nº 110 para que se poida ampliar a beirarrúa que discorre pola estrada xeral de Castiñeiras (DP-7307).
- Proposta para instalar cambiadores para crianzas nos aseos de edificios municipais. Votos a favor de PP, BNG, PSOE, IPR, C’s e 1 edil non adscrita e 2 abstencións de 2 edís non adscritos.
- Aprobada a proposta para que o Concello de Ribeira instale paneis informativos na vila e nas parroquias. Votos a favor de PP, BNG, PSOE, IPR, C’s e 1 edil non adscrita, votos en contra de PP e 1 edil non adscrito.
- Acórdase solicitar a Páxinas Galegas que denomine correctamente o rueiro de Ribeira xa que contén aínda nomes de antigas prazas e rúas.
- Anúnciase que se vai mellorar o alumeado no porto de Aguiño.
- Procederase a revisar a vertedura de cascallos en Couso.
- Procederase a pintar un paso de peóns na rúa dos Irmandiños (á altura do Froiz de Rosalía de Castro)
- Acórdase procurar un lugar para nomeala Miguel Hernández.
- Antonio Freire tomou posesión como concelleiro do PP.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.