Aprobadas as iniciativas do BNG sobre o colexio Frións e a concienciación no uso de plásticos

Resumo dos temas tratados no pleno do mes de novembro de 2020

Aprobada por unanimidade a proposta do BNG para mellorar as instalacións do colexio de Frións: o colexio público de Frións precisa unhas melloras que facilitarían de xeito importante a actividade educativa e contribuirían, ao mesmo tempo, a aumentar o benestar das alumnas e alumnos no centro escolar e así o defendeu o voceiro do Bloque, Xosé Vázquez Cobas.

Vázquez Cobas, argumentou que é necesario colocar no exterior unha marquesiña máis xa que a existente é totalmente insuficiente para atender a demanda no acceso e saída dos 110 usuarios e usuarias do transporte escolar. Vázquez Cobas cre que alén da marquesiña “a beirarrúa interior que serve de entrada e saída ao centro duns 20 metros aproximadamente, sería un corredor abrigado se a cubrimos para protexer do frío, do vento e da chuvia aos 150 alumnos e alumnas de primaria”.

O centro conta cunha zona pequena cuberta na parte de atrás que presta un bo servizo aos de infantil aínda que con estreituras. Faise precisa unha zona cuberta de soportal na parte dianteira pois sería moi útil nas clases de educación física ao carecer de pavillón, así como nos recreos, e para a realización de actividades no exterior. Esta necesidade que evidenciouse máis nos tempos de Covid que vivimos segundo informou Cobas.

Ampliación do servizo de comedor
Por outra parte, Vázquez foi informado pola ANPA e o equipo docente que o servizo de comedor estase prestando en dúas quendas para atender aos 54 nenos e nenas que fan uso del polas limitacións de espazo que hai. “A ampliación do comedor é urxente e existen solucións técnicas para facelo redistribuíndo e acondicionando os espazos existentes con pequenas obras que non serian custosas”.

A proposta foi apoiada de forma unánime pola Corporación Municipal e saíu adiante instalar alomenos unha marquesiña máis, ampliar o comedor do colexio, facer un proxecto para realizar un corredor cuberto sobre a beirarrúa que dea abrigo da chuvia e vento así como instar á Consellaría de Educación a facer un soportal dianteiro no que se poidan facer actividades durante os días de mal tempo.

Aprobada por unanimidade a proposta do BNG para reducir o uso de plásticos e promover limpezas e campañas de sensibilización ambientais:

O consumo de plásticos dun só uso incrementouse de maneira importante ao longo das últimas décadas. Galiza e Ribeira non son alleas a ese aumento que provoca graves ameazas e ten consecuencias negativas nos ecosistemas naturais, na flora e na fauna, así o expuxo o concelleiro Luís Pérez Barral.

Os residuos mariños, especialmente os compostos plásticos teñen graves consecuencias ao causar a morte de aves mariñas, mamíferos e todo tipo de animais ao se enredaren ou ao inxeriren de lixo mariño. En non poucas ocasións ese lixo que consomen os animais tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas e persistentes que entran na cadea alimentaria.

Alén das consecuencias e dos problemas que teñen nos ecosistemas naturais, Pérez Barral detallou que os plásticos tamén supoñen un inconveniente para os gobernos ao ter que gastar recursos públicos para poder tratalos malia que máis do 50% rematen en vertedoiros e apenas se reciclen. Pérez Barral lamentou a falta de medidas postas en marcha polo Concello de Ribeira para reducir, reutilizar e reciclar os plásticos e criticou a política de Sogama na que a maior parte do lixo acaba queimado ou nun vertedoiro.

No BNG cremos que é unha evidencia que o plástico é un problema social e ambiental e non hai máis que ollar os areais de CorosoO Vilar, A Ladeira, O Castro-Catía, etc, ríos como o de Artes ou montes como o de San Roque ou Santo Alberte para comprobar que este tipo de residuos está practicamente omnipresente. Consideramos necesario actuar desde todos os ámbitos, tamén desde o ámbito local mediante a limpeza exhaustiva dos nosos espazos naturais, a través de accións simbólicas e coa posta en marcha de campañas e programas educativas e de sensibilización.

A Corporación Municipal aprobou por unanimidade as seguintes propostas:

1. Realizar, de maneira periódica, limpezas exhaustivas dos espazos naturais como son as praias, cursos fluviais e zonas verdes de titularidade pública. Estas limpezas realizaranse cos medios axeitados que eviten o deterioro e eviten danos no lugar.
2. O Concello de Ribeira programará accións anuais, en colaboración cos centros escolares, co tecido asociativo do municipio e co sector pesqueiro, consistentes na sensibilización e concienciación da necesidade de reducir, reutilizar e reciclar os plásticos.
3. Contratar unha empresa de economía social para realizar limpezas en espazos naturais.

Outros asuntos:

Licitación EDAR de Couso e Corrubedo: Vaia por diante que para o BNG é algo prioritario e imprescindíbel que Ribeira conte co necesario saneamento integral das súas augas residuais porque entendemos que se debe preservar a riqueza e patrimonio do entorno e o mar, que tantos postos de traballo dependen del.

O sistema que hoxe está implantado nunca tivo o apoio do BNG, nunca, porque sempre fomos defensores e defensoras doutro modelo diametralmente oposto ao que presentou o Partido Popular. Tamén pedíamos unha depuradora específica para o polígono de Xarás cuestión que en 2008 conseguimos na Xunta e que o PP non foi quen de executar e vemos como temos que soportar como se dan verteduras que contaminan a nosa ría e que esixiremos depurar responsabilidades e investigar a última vertedura acontecida en outubro. O noso modelo era construír depuradoras máis pequenas e distribuídas nas valgadas naturais do territorio e unha destinada a residuos industriais tal e como recomenda a Unión Europea. Este modelo implicaría un menor custo de bombeos ao non ter que trasladar os residuos durante 13 kms e 7 tanques de tormenta. Quero lembrar que estamos en 2019 e aínda seguimos sen depuración específica para os residuos industriais e mesmo existen alivios deses residuos á rede e ao mar tal e como constata a auditoría da Xunta.

Malia que o BNG sempre optou por outro modelo foi o único grupo que presentou alegacións ao proxecto feito polo Partido Popular e que este coa súa maioría absoluta rexeitou.

Esta decisión tamén foi respaldada e apoiada naquel momento por membros que hoxe integran o PBBI pois eran membros do Partido Popular e apoiaban sen miramentos todas e cada unha das decisións nas que se decidiu construír este sistema que hoxe implica problemas e un tarifazo cunha suba inicial de preto de 100€ para a veciñanza, polo tanto son cómplices do que hoxe está acontecendo por moito que queira ocultalo baixo un voto en contra. Se falamos do tarifazo, tamén temos que dicir que o BNG foi o grupo que emendou esa taxa para deter ese tarifazo que finalmente repercute nos petos de todos os veciños e veciñas facendo que paguen as decisións tan nefastas adoptadas polo Partido Popular á hora de escoller un modelo de depuración caro e ineficiente.

Agora o PP saca a licitación as depuradoras. Sen dúbida o BNG defende que  xestión debe ser municipal e directa. Esta proposta permitiría garantir unhas condicións laborais mellores para o persoal que atenda estas dúas instalacións. Entendemos que o mantemento e os custes de mantemento da propia infraestrutura realizaríanse con maior precisión e faríanse todas as limpezas periódicas necesarias para evitar cheiros e que o sistema deixe de funcionar. O mantemento debe ser un dos puntos clave posto que un mal coidado da infraestrutura causará problemas á veciñanza e tamén ao medio natural.

En base a todo isto e a que este non é o modelo escollido polo BNG, que nunca tivo o apoio do BNG e a xestión por parte dunha empresa allea nunca sería escollida polo BNG votamos en contra.
Aprobado cos votos a favor do PP, abstencións do PSOE e SR e cos votos en contra de BNG e PBBI

 

Aprobación das subvencións nominativas a clubs deportivos por valor de 120.000€. Aprobado por unanimidade

Incremento de 200.000€ para o Servizo de Axuda no Fogar, ampliar de 50.000€ a 150.000€ a redacción do proxecto do futuro polígono industrial. Aprobado por unanimidade

Adquisición dun inmóbel en Carreira para ampliación da estrada e mellorar o trazado na curva da “Muiñeira” (232.000€), adquisición de terreos no entorno do río Pedrín (60.000€), plan de conservación de estradas e espazos públicos (300.000€) e compra de material para os obradoiros de emprego. Aprobado por unanimidade

Plan especial para comezar os trámites para realizar os paseos marítimos e recuperación da servidume pública de tránsito entre Castiñeiras e Mosqueiros (469.000€), Insuela e Gaivotiñas (372.00€) e acondicionamento do acceso á casa da cultura de Castiñeiras (20.740€).  Desde o BNG incidimos en realizar os proxectos tendo en conta a opinión da veciñanza e preservando o interese xeral de recuperar o terreo público.
Aprobado cos votos a favor de PP, BNG, PSOE e votos en contra de PSOE e SR

Suspensión de licenzas urbanísticas en Aguiño para evitar que no lugar de Punta do Laño se poida edificar e poida pasar a zona verde. Aprobado por unanimidade

Adhesión do Concello de Ribeira á iniciativa Slowlight para reducir a contaminación lumínica e aprobación do Plan de Acción polo Clima e Enerxía Sostíbel para establecer medidas que contribúan a loitar contra o cambio climático. Aprobado por unanimidade

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.