Aprobadas as iniciativas do BNG sobre baños públicos, circunvalación, internet e ensino

Resumo dos temas tratados no pleno extraordinario celebrado o 19 de outubro de 2020

Moción do BNG para construír en Ribeira dous baños públicos: actualmente Ribeira carece de aseos públicos e isto é un problema porque, en caso de necesidade, é necesario ir a algún establecemento hostaleiro. O BNG, recollendo a demanda veciñal existente, defendeu a necesidade de poñer remedio a esta situación e que xa vai sendo hora de que o Concello de Ribeira constrúa uns servizos públicos que calquera persoa poida empregar.

O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, recriminou que o Partido Popular ignorou durante anos esta demanda veciñal que vén de vello. Para Vázquez Cobas, “os aseos públicos son unha necesidade básica que o concello ten que atender” e considera que Ribeira precisa dotarse de aseos públicos ao contar cunha poboación de 27.000 habitantes que se incrementa de maneira considerábel na tempada estival.

Alén da súa construción, un aspecto fundamental a ter en conta é o mantemento e a limpeza das instalacións, dúas cuestións que o Partido Popular sempre descoida. Propoñemos que se procure un acordo para que as instalacións sexan xestionadas pola concesionaria do saneamento ou do servizo de limpeza. “Non só propoñemos que Ribeira teña aseos públicos que logo fiquen no esquecemento como pasa moitas veces por culpa do desinterese do goberno local, queremos unhas instalacións coidadas e mantidas” explicou Cobas.

Aprobado por unanimidade

Iniciativa do BNG para solucionar os problemas detectados no sistema de saneamento en Mosqueiros e Areeiros: Vázquez Cobas argumentou que “desde o principio desta obra, no BNG temos sido moi críticos coa infraestrutura da EDAR e das conducións que levan os residuos urbanos até a estación depuradora por iso apoiamos á veciñanza e fixemos traballo propio con alegacións e propostas alternativas”. En xuño do ano 2017 pedimos que o aliviadoiro sito no río Listres puidera ser canalizado sen que provocase problemas de cheiros á veciñanza, nin problemas aos mariscadores do lugar. Desde 2017 até decembro do ano 2019 presentamos numerosas iniciativas para demandar solucións neste río polas verteduras, polos constantes movementos de area e falsas canalizacións do río que fixeron diferentes administracións sen que nada dese resultado.

Nas obras do remanente do mesmo ano figura o acondicionamento da canle do río Listres cunha dotación de 29.800€. Anos despois, cando se aproba a cesión de todo sistema EDAR ao concello, o BNG volve solicitar que se lle dea solución á canalización do río Listres. Para o Bloque, o desleixo do goberno local é total pois no medio quedan verteduras, escritos, iniciativas e protestas polo deterioro da desembocadura do río que chegan até o día de hoxe.

Mais o problema non só se detecta no río Listres e nos Areeiros, na mesma parroquia de Castiñeiras existe un grave problema que provocou mobilizacións da veciñanza e a denuncia por parte do BNG ante o Seprona en agosto do ano 2016. Podemos cualificalo de “histórico punto de vertedura na praia dos Mosqueiros”. Alí seguen a se producir reboses de pluviais mesturados con augas fecais habendo documentos gráficos que así o demostran.

Para o BNG é intolerabel que o señor Ruiz Rivas ignore a realidade e lle minta á veciñanza dicindo que só se producen alivios de augas pluviais no canto de procurar solucións ao problema que se repite de maneira periódica nesta zona.  Non podemos máis que recriminar esta actitude máis propia de crianzas que tentan agochar o seu mal facer que de persoas responsábeis que deben procurar solucións ante os problemas sinalados.

Ante os problemas citados, os outros grupos da Corporación Municipal apoiaron esta iniciativa na que se pediu que o Concello de Ribeira realice as obras necesarias, de maneira prioritaria e urxente, para solucionar os problemas detectados no saneamento no río Listres e nos Mosqueiros que teñen incidencia no medio mariño, nas praias e no benestar da veciñanza.

Aprobado por unanimidade

Mellora de internet nas zonas rurais de Ribeira: o pleno tratou tamén unha iniciativa na que se pedía mellorar a conexión a Internet das zonas rurais do municipio. O concelleiro Luís Pérez Barral explicou que “o acceso a internet é un dereito recoñecido pola ONU e debe ser garantido polas administracións públicas, sobre todo nun contexto no que a COVID-19 deixou patente a fenda dixital existente entre os veciños e veciñas que viven no rural, fronte aos que viven nos ámbitos urbanos”. Desde o BNG consideramos que non pode haber discriminacións, especialmente cando falamos da educación a distancia ou do teletraballo que moi probabelmente sexan cuestións recorrentes nos vindeiros meses.

Alén da fenda dixital por cuestións técnicas, “tamén hai que engadir a fenda dixital por cuestións económicas, xa que non todo o mundo pode afrontar o custe do acceso a internet, especialmente no rural onde o servizo é máis caro a pesar de ser de peor calidade” apuntou Pérez Barral.

Ante esta situación, o Pleno da Corporación Municipal aprobou a emenda proposto polo BNG á proposición do PPBI para instar á Xunta de Galiza, ao Goberno do Estado e ás compañías telefónicas a que fagan o despregamento da fibra óptica en igualdade de condicións a toda a veciñanza que carece dela na actualidade, con especial atención ás zonas rurais.

Moción do BNG para demandarlle á Xunta fondos e persoal necesario para os centros educativos: a proposta defendida por Pérez Barral contou co respaldo de BNG, PSOE, SR, PBBI e os votos en contra do PP. Nesta proposta falábase de como de maneira clara e unánime as organizacións sindicais do ensino e as ANPAs así como moitos concellos amosaron o seu rexeitamento ao Protocolo de adaptación ao contexto da COVID19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21. A proposta foi elaborada e aprobada unilateralmente pola Consellaría de Educación que se negou a negociar as medidas nel previstas así como os recursos necesarios para a súa implantación.

Cunha breve análise do texto podemos observar que a Xunta de Galiza elaborou o protocolo primando os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias, impoñéndolle a responsabilidade da súa planificación e execución ao persoal directivo e ao profesorado, ás nais e aos pais, así como aos Concellos que se deberán facer cargo da prestación e sobrecuste de certos servizos, sen que a administración competente en materia sanitaria e educativa, a Xunta de Galiza, asuma ningunha delas.

Ribeira conta con 11 colexios e escolas de educación infantil e primaria, 2 institutos de ESO, un centro integral de formación profesional, unha escola oficial de idiomas e un instituto náutico pesqueiro que non sería razoábel que a administración local sexa quen teña que asumir o sobrecusto das necesidade de aumentar as horas de limpeza e desinfección, cuestión que lle compete á Xunta de Galiza. No BNG consideramos que o Concello de Ribeira debe atender cos seus recursos outras necesidades nas que si ten competencia, polo que instamos a que a Xunta asuma os gastos que lle corresponden.

No texto proposto polo BNG e aprobado pola maioría da Corporación Municipal tamén se pedía:

Esixir á Xunta de Galiza a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste concello, derivado da COVID-19, asumindo a totalidade do sobrecuste.

Apoiar as reivindicacións das asociacións de nais e pais do alumnado abrindo con urxencia por parte da Xunta de Galiza un diálogo e contacto permanente para resolver os problemas que impiden o desenvolvemento correcto do curso escola, do Plan Madruga, dos comedores e das actividades extraescolares no curso 2020-2021.

Emprazar á Xunta de Galiza a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta, para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021.

Aprobado cos votos a favor de BNG, PSOE, SR, PBBI e votos en contra do PP

Estudo independente sobre posíbeis alternativas á circunvalación de Ribeira: o Pleno da Corporación Municipal debateu a necesidade de facer un estudo independente sobre o proxecto actual proposto pola Xunta de Galiza cuestión na que PBBI, BNG, PSOE e SR estabamos de acordo.

O trazado proposto pola Xunta presenta inconvenientes no trazado como son o alto impacto ambiental que tería ao mover 330.000 m³ de terra e a contaminación acústica e o impacto social pola afección que se prevé nas vivendas do lugar de Cruxeiras ou nas instalacións públicas como a escola infantil municipal e varios centros educativos. Ademais do impacto social e ambiental, existen tamén erros de trazado ao se contemplaren curvas de 90 graos e pronunciados desniveis.

O compromiso do BNG coa veciñanza foi  o de estudar alternativas propoñendo que se avalie, mediante a realización dun estudo independente, o trazado proposto pola Xunta de Galiza, o proxecto feito por un arquitecto rianxeiro que obtivo o premio OvisaVISA que concede a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños Canais e Portos da Coruña e se estude a posibilidade de mellorar a estrada CP-7301 que une Xarás con Frións e Carreira.

Desde o BNG consideramos importante facer un estudo no que se valore a reforma da estrada de Frións para facer dela a circunvalación que Ribeira precisa. A alternativa proposta polo BNG, tería menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar a núcleos habitados e sería máis económica pois só habería que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais.  Esta proposta de facer a circunvalación por Frións tamén lle daría servizo a poboacións como Carreira e Aguiño xa fora trasladada polo Bloque en diferentes ocasións no Parlamento de Galiza.

Luís Pérez Barral argumentou que dispoñer dun estudo independente que avalíe os tres trazados alternativos permitiría tomar unha decisión con maiores argumentos e coñecementos para non comprometer o futuro de Ribeira. “Ribeira leva décadas agardando por unha circunvalación que resolva o caos circulatorio que o Partido Popular provocou co seu mal facer no planeamento urbanístico, agardar uns meses máis non é malo se con iso se escolle o mellor proxecto desde o punto de vista social, ambiental e económico”.

Aprobouse o texto proposto polo BNG para realizar o estudo independente das tres opcións (trazado da Xunta, trazado do premio Ovisa e trazado por Frións) e un segundo punto da proposición do PBBI para paralizar os trámites do proxecto formulado pola Xunta mentres non se realice o estudo indepentende. Aprobado cos votos a favor de BNG, PSOE, SR, PBBI e votos en contra do PP.

Outros asuntos:

Mellora na pavimentación da rúa Correos. Aprobado por unanimidade
Proxecto de pavimentación na rúa da Chouza. Aprobado por unanimidade
Instar a Portos de Galiza a manter en bo estado o porto de Palmeira. Aprobado por unanimidade

Un comentario en «Aprobadas as iniciativas do BNG sobre baños públicos, circunvalación, internet e ensino»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.