Aprobadas as iniciativas do BNG para crear un bono comercio e outra en defensa do colexio de Palmeira

O pleno de Ribeira aprobou por unanimidade as iniciativas do BNG en defensa do ensino público e a creación dun bono comercio-hostalaría

Iniciativa do BNG para crear un bono Activa-Ribeira para o comercio e a hostalaría: O concelleiro, Luís Pérez Barral, defendeu a proposta para crear un bono “Activa Ribeira” para gastar no comercio e na hostalaría de Ribeira. Mediante  este bono mobilizaríanse máis de 330.000€, xerando un impacto económico directo ao que lle habería que sumar o indirecto cun efecto multiplicador. Pérez Barral detallou que, tras falar cos servizos económicos municipais, o BNG considerou axeitado estimular o comercio de proximidade. A proposta aprobada por unanimidade propón destinar un mínimo de 200.000€ a crear bonos para que a veciñanza poida gastar nos comercios e na hostalaría da localidade.

Desde o BNG alegrámonos de acadar este acordo unánime que permitirá axudar a moitas persoas no mes de setembro coincidindo coa volta ao cole e coas festas patronais da localidade. “Ao aprobar esta proposta estamos xerando un forte impacto económico no comercio e hostalaría de Ribeira, imos axudar a moitas familias cos gastos da volta ao colexio e contribuirase a que esas compras se fagan na localidade, xerando emprego e dinamismo social e económico” argumentou Barral.

A proposta foi aprobada por unanimidade

 

Iniciativa do BNG en defensa do colexio público de Palmeira: a pretensión da Xunta de eliminar 2 unidades de educación infantil coa conseguinte redución de profesorado, supón seguir avanzando no desmantelamento do ensino público, especialmente no ámbito rural. Para o BNG a cousa queda clara cando esta decisión da Consellaría se lle comunica ás responsábeis do centro o 29 de xuño. Este feito demostra a intención clara e evidente do Partido Popular de evitar calquera tipo de mobilización por parte da comunidade educativa.

A comunidade educativa do CEIP de Palmeira reclama que non se eliminen estas unidades por entender que sería moi prexudicial para a calidade do ensino que se está a impartir no centro, cuestión que desde o BNG apoiamos pois tratan de defender o ensino público galego e a súa calidade fronte a onda de recortes que o goberno galego pretende aplicar.

O concelleiro Luís Pérez, argumentou que este o centro educativo conta con preto de 300 escolares, unha parte deste alumnado, ten algún tipo de necesidade educativa diagnosticada polo que se fai imprescindíbel contar co número suficiente de profesorado e cos profesionais de audición e linguaxe (AL) e pedagoxía terapéutica (PT).

Pérez Barral expuxo que o recorte que pretende aplicar a Consellaría de Educación, de maneira unilateral e sen ningún tipo de diálogo, é totalmente inxustificado e supón unha aberración pedagóxica e unha discriminación cara as zonas máis rurais do municipio. “O recorte de unidades en educación infantil, de se levar a cabo, impediría o reforzo e o apoio educativo precisos que se están realizando neste momento, algo que sen dúbida, provocaría graves prexuízos á comunidade escolar” detallou.

A dirección do centro trasladoulle ao BNG a súa preocupación pola situación debido a que, pasar de cinco unidades en infantil a tan só tres, minguaría a calidade educativa, aumentaría a ratio de alumnado por aula e imposibilitaría a realización de calquera tipo de desdobre. Tampouco se podería levar a adiante os diferentes programas e accións educativas que teñen un especial impacto no alumando con necesidades especiais. Pérez Barral cre que se estaría rachando co principio de igualdade de oportunidades, xa que o alumnado con necesidades específicas precisa maior atención.

Temos que lembrar que a Xunta de Galiza leva investidos 576.767 euros só no ano 2020 para rehabilitalo enerxeticamente. Este tipo de obras de arranxo son necesarias pero o realmente importante é que o alumnado ten dereito a ter unha atención de calidade, sobre todo aquel que presenta algún tipo de dificultade para a aprendizaxe. Garantir esa calidade só se consegue dotando o centro das unidades, recursos e persoal necesario, polo que a redución de 5 unidades a 3 tal e como pretende a Consellaría, vai contra esa calidade da que falamos aseverou Pérez Barral.

Desde o BNG congratulámonos de dar este paso adiante en defensa do ensino público pero non imos deternos até conseguir paralizar os recortes que  pretende facer o Partido Popular na educación pública. Este asunto tamén será trasladado ao Parlamento de Galiza pola deputada Rosana Pérez e seguiremos apoiando as reivindicacións da comunidade escolar.

A proposta foi aprobada por unanimidade

 

Outros asuntos:

– Modificación puntual do PXOM para seguir avanzando na consecución do novo polígono industrial. Aprobado por unanimidade – Suspensión das ordenanzas de terrazas, ocupación de vía pública por ramplas de accesibilidade. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, PSOE, SR e abstención do BNG – Expropiación de terreos para a construción da senda do río Pedrín. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, PSOE e abstención de SR – Demanda ao Goberno do Estado mellorar a conexión a internet no municipio. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, BNG, SR e abstención do PSOE – Demanda para mellorar o mantemento do parque de San Roque. Aprobado por unanimidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.